Investigación etnográfica arredor do Camiño de Santiago
O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, visitou hoxe en Vigo as instalacións do obradoiro Os pans do Camiño que conta cunha achega de 20.000 euros do programa O Teu Xacobeo, unha iniciativa na que o Goberno galego leva mobilizados 8 millóns de euros en dous anos para implicar a municipios, empresas e entidades sen ánimo de lucro nun Xacobeo participativo e descentralizado.
Os pans do Camiño é unha iniciativa da Fundación La casa y el Mundo que investiga sobre a tradición artesá da elaboración do pan en Galicia, en xeral, e nas localidades polas que pasa o Camiño, en particular. Ademais, a fundación ofrece a un grupo de mozos a posibilidade de formarse na repostería e na panadería ecolóxica da man de recoñecidos profesionais do sector, o que lles permite aprender un oficio que lles abra portas no seu futuro laboral. Trátase dun programa de formación social e gratuíto, dirixido a mozos e mozas de 16 a 23 anos, para fomentar o emprego e evitar o abandono escolar.
O obradoiro participou o ano pasado na primeira edición de O Teu Xacobeo, que se viu condicionada pola pandemia, de aí que un grupo de dez alumnos continúe este ano co traballo de investigación e fabricación dos pans máis representativos do Camiño de Santiago, coa elaboración de receitas que pensan plasmar nun libro que se publicará co mesmo título do programa: Os pans do Camiño.
Alfonso Rueda coñeceu de primeira man o traballo do colectivo nunha visita na que estivo acompañado pola directora da Axencia Turismo de Galicia, Nava Castro, e pola delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias.