Galicia propón que os benficios fiscais do Xacobeo vaian ata o remate do ano 21

ARCHIVO.

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, solicitou hoxe ao Goberno central que amplíe ata o ano 2022 as desgravacións fiscais previstas para o Xacobeo 2021 como acontecemento de excepcional interese público, unha medida que polo de agora abarca só ata o 30 de setembro de 2021. O representante da Xunta de Galicia fixo esta proposta no marco dunha videoconferencia co ministro de Cultura y Deporte, José Manuel Rodríguez Uribes, o resto de comunidades autónomas e a Federación Española de Municipios y Provincias (Femp). Como sinalou Román Rodríguez, a ampliación permitiría “seguir estimulando as achegas privadas e captar máis recursos”, o que repercutiría no desenvolvemento de proxectos culturais e turísticos. “O Xacobeo, como elemento de reactivación económica, é unha oportunidade única para a cultura”, salientou.

Nesta liña, Román Rodríguez, que estivo acompañado polo director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, e o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, lembrou tamén a petición xa formulada de convocar un Consejo Jacobeo extraordinario “para avaliar a situación do Camiño de Santiago” que, ante a proximidade do primeiro Ano Santo nunha década, “debe actuar como un motor de reactivación económica para as industrias creativas e a dinamización das zonas rurais”.

CONCELLOS E DEPUTACIÓNS

No marco desta xuntanza, o titular de Cultura da Xunta presentou un paquete de medidas en materia fiscal e financeira, laboral ou de fomento do consumo, e trasladou igualmente as necesidades específicas do sector cultural da Comunidade, recollidas nas últimas semanas a través dunha rolda de encontros con representantes do audiovisual, o teatro, a danza ou o sector do libro, entre outros, ademais de permanentes contactos con distintos axentes e coas principais institucións culturais do país, entre elas o Consello da Cultura Galega (CCG), a Real Academia Galega (RAG) ou a Real Academia Galega de Belas Artes.

O representante da Xunta amosou a vontade de Galicia de colaborar co Pacto de Estado anunciado onte pola noite polo ministro a través dos medios de comunicación e sinalou a necesidade de que estea dotado economicamente por parte do Executivo central. Neste sentido, pediu ter en conta a todas as administracións públicas “dado o relevante peso que concellos e deputacións provinciais teñen tamén no gasto público nesta materia”, afirmou.

“Un pacto fundaméntase en tres piares: a xeración de confianza para levalo a cabo, uns obxectivos claros e orzamento para deseñar accións concretas”, apuntou o conselleiro, quen lembrou que a cultura é un sector profesional “con características propias que debemos ter en conta”.

A SAÍDA, PLANIFICADA

Román Rodríguez avanzou que Galicia está a traballar nun plan de reactivación, para o que se prevén 25 millóns de euros no conxunto do seu departamento, co obxectivo de reducir o notable impacto que a crise sanitaria do coronavirus está a deixar na industria cultural. “A nosa prioridade é manter o emprego ante o parón experimentado”, reflexionou.

Un plan, dixo, que deberá contribuír ao seu impulso, dado que se verá afectado durante un tempo maior polas restricións actuais. Ao fío disto, o conselleiro solicitou ao ministro traballar “con antelación e planificación suficiente para que o sector poida tomar as súas decisións con máxima información posible”.

DE ÁMBITO ESTATAL

Na súa intervención, Román Rodríguez formulou unha serie de propostas, de ámbito e competencia estatal, en beneficio do sector que serán ampliadas nunha carta ao ministro. Entre elas, atópase unha liña de financiación para as industrias culturais e creativas e un fondo que mellore a competitividade, innovación e transición dixital das empresas.

Así mesmo, puxo sobre a mesa a posibilidade incrementar o 1,5% Cultural, destinado a rehabilitación do patrimonio, ata o 2%, e que a súa xestión, actualmente no Ministerio de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana, pase a depender de Cultura y Deporte.

No eido fiscal, solicitou reducións progresivas do Imposto sobre Bens Inmobles (IBI) en edificacións privadas dedicadas ao uso cultural e no Imposto de Sociedades, así como una nova lei de mecenado, que favoreza a participación de particulares e empresas privadas na financiación de accións culturais vencellado a un programa de beneficios fiscais.

PROTECCIÓN E SEGURIDADE

Solicitou tamén atender a situación particular de traballadores sen contrato estable, que precisan dun marco regulatorio, e o incentivo do consumo a través de iniciativas como un bono cultural –en cuxo deseño xa traballa Galicia– e campañas nacionais de fomento.

Román Rodríguez lembrou que é “esencial” traballar con previsión, xunto ás autoridades sanitarias, no desenvolvemento de protocolos para súa aplicación a empresas, recintos e actividades culturais na volta a normalidade, de xeito que ofrezan as máximas garantías de seguridade e hixiene tanto aos usuarios como aos propios traballadores do sector.