Galicia, destino para aprender o español
O impacto do turismo idiomático no territorio e o alto valor engadido que teñen este tipo de estudantes como grandes prescritores do destino centraron a intervención que a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, fixo na segunda edición da xornada “Introdución ao español con fines específicos: español e turismo”, que se celebrou esta mañá en Santiago. De carácter telemático, o encontro foi seguido por máis de 400 participantes de 63 países e 5 continentes, “o que da unha boa mostra do interese que esperta Galicia como destino para aprender o español”, explicou Nava Castro.
Cunha longa e acreditada traxectoria na formación do español para estranxeiros, os Cursos Internacionais da Universidade de Santiago contan co apoio da Xunta desde hai 15 anos. O Goberno galego é consciente do alto impacto económico sobre o territorio que teñen estes estudantes que establecen relacións duradeiras co destino no que aprenden o idioma, feito que os convirte en viaxeiros fieis e bos embaixadores do destino, tal e como destacou a directora de Turismo de Galicia esta mañá.
Máis tempo e máis impacto
Asia e Estados Unidos son os países de procedencia maioritaria dos estudantes que escollen Galicia para aprender o español, sendo tamén os que maior tempo pasan no noso territorio aprendendo a lingua e desenvolvendo outras experiencias complementarias, entre as que destaca o Camiño de Santiago. De feito, a ruta xacobea é o leitmotiv de moitos destes cursos, que ao longo deste anos foron especializándose e adaptándose ás novas demandas do mercado co obxectivo de ser máis competitivos e útiles para o alumnado que os cursa.