“Facendo o Camiño apréndese a..."
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, definiu hoxe o Camiño de Santiago coma “unha escola de vida” na que sempre “se aprende” e destacou o papel da educación á hora de concienciar ás novas xeracións sobre o valor cultural, social e económico desta ruta de peregrinación. O titular do Goberno galego participou na entrega dos premios Escola en Camiño en Vigo e salientou a importancia de iniciativas coma esta para que os rapaces coñezan a riqueza patrimonial da comunidade e para difundir “unha das grandes cousas das que temos que presumir” en Galicia.
Na súa intervención, Rueda resaltou que a ruta xacobea é o mesmo que falar de “cultura” e de “aprender”. “Facendo o Camiño apréndese a convivir, a entender coma se construíron as grandes rutas europeas e tamén a superarse”, resaltou o presidente, quen animou aos alumnos presentes a realizar esta ruta de peregrinación xa que é “unha experiencia incrible” e sempre diferente da que poder desfrutar “en familia, cos amigos ou cos compañeiros de clase”.
Rueda agradeceu o labor dos máis de 2.000 alumnos participantes de toda Galicia por contribuír a promover o valor patrimonial da ruta xacobea, aos centros educativos que lles axudaron na aprendizaxe da importancia do Camiño e aos xornais que organizan estes premios por difundir os traballos dos gañadores.
Por último, o presidente salientou os bos datos que está a rexistrar o Camiño de Santiago no que va de ano con 50.000 peregrinos en Vigo e con máis de 412.000 compostelas rexistradas e cifras por riba do histórico 2022 na maioría dos meses.