'Estrelas solidarias no Camiño'
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou hoxe na rolda de prensa de presentación do proxecto “Estrelas Solidarias no Camiño” xunto a Rogelio Rial, promotor do evento, os chefs Manuel Costiña e Pepe Vieira, e a presidenta da Asociación Compostelá de Esclerose Múltiple, Teresa González. O evento solidario impulsado por Casa Barqueiro de Negreira reunirá a cociñeiros que nesta edición suman 69 estrelas Michelin, dos cales 8 son galegos.
“Galicia é unha potencia mundial en turismo debido aos recursos tan espectaculares como os que nos aportan as nosas augas e as nosas terras. Gracias a accións como a que estamos a presentar, permítenos facer visibles os valores que máis e mellor definen a Galicia: gastronomía, patrimonio, cultura, Camiño de Santiago e, sobre todo e por encima de todo, solidariedade”, indicou Nava Castro.
No marco do acto, Nava Castro destacou a importancia da enogastronomía para o destino Galicia, converténdose este no segundo motivo para a chegada de turistas á nosa comunidade. Salientou tamén a excelencia da oferta na comunidade que cada vez acada maior profesionalización na cociña, a través de ofertas especializadas de formación, como a do Centro Superior de Hostalaría de Galicia, que afronta agora o reto de seguir transformándose e ofrecendo experiencias adaptadas ás necesidades do novo viaxeiro que valora cada vez máis outros factores como a sustentabilidade, a economía circular ou produto de cercanía.
Os beneficios desta acción serán entregados á Asociación Compostelá de Esclerose Múltiple, entidade sen ánimo de lucro que ten a finalidade de mellorar a calidade de vida das persoas afectadas por esta doenzas, así como a dos seus familiares e coidadores.Antonio Tronco Trp