'Estrelas no Camiño de Santiago'
O potencial enogastrónomico de Galicia e a súa asociación cos profesionais de recoñecido prestixio da cociña centrou a presentación da nova edición da acción gastronómica solidaria Estrelas no Camiño de Santiago, impulsada por Casa Barqueiro en colaboración coa Xunta no marco da programación do Xacobeo 21-22.
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou esta mañá na presentación do evento solidario que este ano volve a destinar os fondos obtidos a Cáritas Santiago, co dobre obxectivo de favorecer esta causa solidaria ao tempo que se pon en valor o potencial da cociña e dos recursos gastronómicos de Galicia no contexto da celebración deste Ano Santo. Así o puxo de manifesto Nava Castro na súa intervención, nun acto no que estivo acompañada por Rogelio Rial Romarís, propietario de Casa Barqueiro e José Anuncio Mouriño Rañó, director diocesano de Cáritas Santiago.
Ambos coincidiron en destacar a importancia do apoio institucional para levar adiante esta nova edición de Estrelas no Camiño de Santiago, que reunirá a máis dunha ducia de cociñeiros de renome nacional e internacional que suman 44 Estrelas Michelin, entre os que se contan David de Jorge, Eneko Atxa, Jordi Cruz, os irmáns Torres, Nacho Manzano, Ángel León ou os galegos Javier Olleros, Lucía Freitas, Manuel Costiña ou Miguel González.
“Nun ano tan difícil para a hostalería é máis importante ca nunca volver a reeditar este encontro, que nos permite seguir dándolle visibilidade non só aos nosos recursos enogastronómicos, que seguen sendo a segunda razón pola que os viaxeiros nos visitan, se non tamén para por en valor o alto nivel que ten acadado a cociña galega da man dos seus profesionais”, explicou Nava Castro, quen puxo en valor as 16 Estrelas Michelin, os 25 restaurantes Bib Gourmand e os 29 Soles Repsol cos que conta Galicia, con especial mención ás 3 estrelas verdes coas que a Guía Michelin distingue a aqueles restaurantes cunha aposta sustentable.
ESTRELAS
A iniciativa Estrelas no Camiño de Santiago desenvolverase o vindeiro luns coa participación de 17 restauradores con Estrela Michelin, catro deles galegos, que celebrarán unha comida solidaria, para a que se puxeron á venda entradas que xa están esgotadas. A comida terá lugar en Casa Barqueiro, en Negreira, a onde os cociñeiros chegarán despois de percorrer un tramo do Camiño de Fisterra-Muxía á súa entrada en Santiago. Na comida haberá unha destacada presenza de produtos agroalimentarios galegos de calidade.