‘Elixe Galicia’
Preto de 4.500 galegos participarán desde setembro na primeira edición do programa da Xunta para o fomento do turismo interno Elixe Galicia. A iniciativa, que foi lanzada a principios de ano e tivo que modificar o seu calendario coa declaración do estado de alarma, vén de publicar a listaxe dos beneficiarios desta convocatoria, un total de 4.331, que se pode consultar na páxina web de Turismo de Galicia.
En total Elixe Galicia beneficiará ao colectivo de mozos menores de 30 anos, familias con fillos menores de idade e pensionistas maiores de 55 anos, que poderán gozar de estadías en zonas costeiras, rutas de patrimonio cultural, rutas de natureza e estadías en balnearios. Os beneficiarios deberán formalizar a súa reserva nas axencias de viaxe comercializadoras do programa no prazo máximo de 15 días hábiles, desde hoxe, pagando o 20% da cantidade que se lles fixa como prezo no momento de efectuar a súa reserva.
Elixe Galicia estaba ideado para poder comezar as viaxes o pasado mes de abril. A declaración do estado de alarma e as conseguintes restricións de mobilidade supuxeron unha modificación da súa programación. Por iso, as datas deste ano –que inicialmente debían comezar en abril– trasládanse agora do 15 de setembro ata finais de ano.
Desta modificación informa o Diario Oficial de Galicia (DOG) que aborda a reformulación á que se veu sometida este programa por mor da crise sanitaria e que se reactiva para seguir apoiando ao sector turístico. Así, nesta convocatoria establécese un único prezo atendendo á modalidade do programa, sen distinción entre tempadas de desfrute na que o Goberno galego financiará o 40% do custo das estadías, mentres que os beneficiarios achegarán o 60% restante. Polo tanto, os beneficiarios das viaxes en zonas costeiras pagarán entre 117 e 198 euros.
NOVA CONVOCATORIA EN 2021
O programa Elixe Galicia foi deseñado antes do estado de alarma, pero no contexto actual reforza o seu sentido ao permitir afondar nas actuais necesidades do sector xerando liquidez e incentivando o consumo. Está dirixido, ademais, a un mercado especialmente estratéxico no actual contexto, xa que se trata de incentivar o turismo en Galicia por parte dos propios galegos.
O programa, nacido para promover o turismo interno e impulsar ao sector fóra de tempada alta, terá continuidade en 2021 tal e como estaba previsto, pero con algunhas variacións con respecto á idea inicial. Así, tal e como recolle o DOG, o programa executarase entre o 10 de marzo e o 30 de novembro de 2021 por quendas que agrupen ás persoas beneficiarias por modalidade e colectivo, coa excepción do período entre o 21 de xuño e o 10 de setembro e os períodos de Semana Santa, pontes ou festivos.
As solicitudes para o vindeiro ano presentaranse entre o 1 de outubro e o 1 de novembro de 2020 nas axencias comercializadoras do programa que teñan asinado o correspondente contrato coa empresa adxudicataria do contrato.