Deputación elabora unha nova Estratexia Turismo Rías Baixas e quere a participación dos profesionais do Turismo

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luís López, acompañado da deputada provincial de Turismo, Nava Castro.

O presidente da Deputación, Luís López, xunto coa deputada Nava Castro, avanzou aos profesionais a convocatoria de mesas de traballo para definir os obxectivos do sector, a realización de enquisas cos e a apertura dunha páxina web para recoller as achegas de todos os participantes. O destino turístico medra un 20 % en visitantes estranxeiros, un 30 % en gasto turístico e un 3 % en prazas hoteleiras con respecto a antes da pandemia. Ademais, aumenta un 15 % a demanda dos hoteis no primeiro cuadrimestre do ano en comparación co de 2023

 

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, destacou a aposta do goberno pola modernización e mellora do turismo na provincia durante na presentación do inicio da fase participativa da elaboración da estratexia de Turismo Rías Baixas que tivo lugar este xoves no Palacete das Mendoza e contou coa presenza de representantes do sector turístico da provincia. O mandatario avanzou aos profesionais a convocatoria de diferentes mesas de traballo para analizar o estado e definir os obxectivos do sector, a realización de entrevistas e enquisas cos axentes e a apertura dunha páxina web (estratexiaturismoriasbaixas.com) para recoller as achegas de todos os participantes. “Convido a todos a participar. Este non é máis que o pistoletazo de saída a un traballo que marcará un punto de inflexión na xestión do destino e nos abrirá novas portas ao crecementos sostible do noso sector”, afirmou Luis López sobre un plan co que a Deputación “tende pontes” co sector turístico.

O obxectivo desta fase do proceso de elaboración da estratexia de turismo da Deputación é adaptar o destino Rías Baixas aos novos tempos e, para conseguilo, a Deputación quere contar coa opinión e a análise do sector. “Iniciamos os traballos para redactar unha Estratexia, que será a guía de todos para conquistar o turismo sustentable do futuro. Aplicaremos a mesma receita que nos está levando a triunfar en España e no mundo: a escoita, a participación co sector e a posta en común das ideas”, sinalou López.

Acompañado pola deputada de Turismo, Nava Castro, o mandatario provincial repasou os datos que reflexan que o turismo na provincia de Pontevedra vive un momento doce, pero que aínda pode ser mellor. “Temos un 20% máis de turistas estranxeiros que antes da pandemia, pero aínda podemos atraer a moitos máis; rexistramos un 30% máis de gasto turístico, pero é posible ofrecer experiencias que dean maior valor engadido e en todos os períodos do ano; hai un 3% máis de prazas hoteleiras e case un 60% máis de albergues que en 2019, pero a cantidade ten que levar parella a calidade; e a demanda en hoteis no primeiro cuadrimestre de 2024 con respecto ao mesmo período de 2023, medrou case un 15%”, detallou López, convencido de que “o punto de partida é fantástico, pero o turismo é dinámico e temos que actualizarnos”.

Neste sentido, Luis López quixo facer fincapé na importancia da colaboración entre a administración provincial e o sector turístico para seguir medrando. “Sabemos a onde queremos chegar: a ser un destino único en paisaxe, único en experiencias e único en calidade. Sabemos tamén que debemos superar: a sustentabilidade, a tecnoloxía ou novos produtos turísticos. E sabemos con quen queremos facelo: con todos vostedes, co sector turístico da provincia”, remarcou.

Pola súa banda, a deputada de Turismo, Nava Castro, analizou as cifras do sector na provincia nun ano 2023 no que se superaron os niveis anteriores á pandemia ao aumentar os aloxamentos nos hoteis, o número de pasaxeiros no aeroporto de Peinador ou o número de visitantes estranxeiros. “Temos unhas grandes fortalezas en canto ao turismo de sol e praia, cultura e experiencias gastronómicas e é a nosa vontade avanzar no posicionamento estratéxico de Pontevedra, apostando pola sustentabilidade e pola calidade”, subliñou Castro.

“Todo o que busca o turista nos nosos días pódeo atopar nas experiencias 100% Rías Baixas. Esa é a mensaxe que lanzamos ao mundo, e esta Estratexia tamén lanza unha: sexa cal sexa o reto turístico do futuro, daremos unha resposta. Unha resposta de innovación, de planificación e, sobre todo, unha resposta de todos. Só pido que esta Estratexia remate como está nacendo: coa ilusión, co traballo e coas achegas das moitísimas persoas que nos facedes grandes a diario. A participar, a aportar e a triunfar”, rematou Luis López