'O Camiño esquecido”, no Coliseo Noela, despertou o interese do público

Éxito de participación na estrea oficial da primeira parte de “O Camiño esquecido”, organizada pola Asociación de Concellos do Camiño de Santiago pola Ría de Muros Noia. Este documental, que recolle as evidencias documentais e patrimoniais sobre a historia e o trazado deste camiño de peregrinación a Compostela, non deixou indiferente ao público, que expresou a súa aprobación con numerosos aplausos.

Éxito de participación na estrea oficial da primeira parte de “O Camiño esquecido”, organizada pola Asociación de Concellos do Camiño de Santiago pola Ría de Muros Noia. Este documental, que recolle as evidencias documentais e patrimoniais sobre a historia e o trazado deste camiño de peregrinación a Compostela, non deixou indiferente ao público, que expresou a súa aprobación con numerosos aplausos.

A historicidade do Camiño quedou totalmente demostrada tanto no documental, que dura 27 minutos, como durante coloquio técnico previo, no que participaron Sebastián Valverde, produtor do documental; Mario César Vila, arqueólogo e historiador; Sofía Baqueiro, arqueóloga e historiadora; e Marcial Rodríguez, arquitecto. Todos eles coincidiron e subliñar que estamos ante un traballo colectivo e multidisciplinar e tamén agradeceron “poder levar o timón na planificación do guión”.  Sebastián Valverde adiantou que “xa se está a traballar na segunda parte, onde esperamos visitar os escenarios onde se atopan os documentos orixinais que dan fe á historicidade deste camiño”.

Ao mesmo tempo, o historiador e arqueólogo Mario César Vila destacou que nesta primeira parte “tratamos de sintetizar toda a información e presentar os feitos que fundamentan a historicidade deste camiño”. Neste sentido, o arquitecto Marcial Rodríguez, especialista nos camiños de Santiago, engadiu que “as evidencias documentais do Camiño a Santiago pola Ría de Muros Noia está moi por riba doutros camiños oficiais e creo que hai una débeda histórica con este trazado. Merece estar na primeira división dos Camiños oficiais da Xunta”. Finalmente a arqueóloga e historiadora Sofía Baqueiro puxo o foco en todos os documentos descubertos e o que significa este traballo para o grupo de investigación: “estes achados son os que iluminan o noso traballo”.

Ao acto asistiron os alcaldes e alcaldesas da ría (Noia, Lousame, Muros, Porto do Son, Rois e Outes). Ademais contou coa participación delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, quen destacou “o bo traballo que se está a facer, froito do cal temos este documental”, e as intervencións do alcalde de Noia, Santiago Freire, quen lembrou que “estamos ante un camiño marítimo que parte de ultramar a través do cal xa se pode obter a Compostelana” e que “estes resultados son mérito de todos”.

Pola súa banda, a presidenta da Asociación de Concellos do Camiño de Santiago pola Ría de Muros Noia, Teresa Villaverde, quixo “agradecer aos predecesores o seu traballo” e subliñou que “este traballo é un estímulo máis para conseguir o obxectivo que é a oficialización deste Camiño”. Neste percorrido, Villaverde lembrou dous feitos: “en 2019 a creación da Asociación e despois a recepción do deán da Catedral, coa sinatura do recoñecemento por parte de Arzobispado da Ruta Xacobea Ría Muros Noia a Santiago”.

“O Camiño esquecido”

O documental, unha iniciativa na que colaboran a Xunta de Galicia, o Xacobeo 21-22 e o Xeodestino Ría de Muros Noia, está dirixido e editado por Rafael Luís Méndez Peña sobre un guión de Ana Ponte. Recolle como se foi recompilando a diversa documentación necesaria para xustificar a historicidade e delimitación do trazado do Camiño a Santiago pola Ría de Muros Noia. Un traballo realizado por Marcial Rodríguez, Sofía Barqueiro e Mario César Vila, protagonistas da cinta.

Un labor que permitiu recompilar diversa documentación histórica: cartas fundacionais, diplomas, misivas, estudos previos, planos antigos... así como un conxunto de elementos que permitiron delimitar os camiños empregados polos peregrinos dende a ría de Muros Noia a Compostela ao longo da historia. Unha realidade que se contempla na arquitectura, nos topónimos e mesmo no propio urbanismo dos municipios que compoñen o Camiño: Ames, Brión, Lousame, Muros, Noia, Outes, Porto do Son, Rois e Santiago.

Entre esta documentación recollida no documental figuran a restauración do Portus Apostoli na Carta Fundacional da vila de Noia no ano 1168; a visita, vinte anos antes, da escuadra de Darmounth, con navíos ingleses, franceses e alemáns; ou as crónicas dos cruzados Arnolfo e Osborne que dan fe de que dende alí se levou a cabo unha ruta de peregrinación a Compostela. Tres séculos despois, nárrase a viaxe do comerciante veneciano Pietro Querini, que chega en 1431 ao porto de Muros e realiza unha peregrinación a pé ata o sepulcro do Apóstolo. Un século máis tarde, en 1524, hai referencia á chegada de cincuenta peregrinos franceses a Muros a través dunha carta do rei Carlos V, pedindo que teñan clemencia cos peregrinos apresados, e que está no Arquivo da Catedral.

 

A maiores, posteriores investigacións non recollidas en “O Camiño esquecido”, permitiron descubrir a existencia de dous textos históricos e inéditos do século XII que acreditan que a ruta de peregrinación a Compostela a través da Ría de Muros Noia era coñecida e empregada polos Cruzados do norte de Europa que participaron no asedio de Lisboa no ano 1147. Trátase de dúas referencias atopadas en Turín (Italia) e Hannover (Alemaña) polo equipo conformado polo arquitecto Marcial Rodríguez e os historiadores e arqueólogos Sofía Baqueiro e Mario César Vila.