A Xunta intensifica o contacto cos aloxamentos turísticos para anticiparse ao peche que o Goberno central prevé decretar
Despois de que o Ministerio de Industria, Comercio e Turismo comunicara a súa intención de decretar o peche ordenado dos aloxamentos turísticos, a Xunta de Galicia decidiu anticiparse ao momento no que está medida entre en vigor para garantir o seu correcto desenvolvemento. Así, a Consellería de Cultura e Turismo intensificou xa o contacto cos establecementos rexistrados e o Centro de Coordinación Operativa aprobou unha serie de medidas de acompañamento.
A Xunta de Galicia habilitará, en función das necesidades, establecementos de acollida temporal de garda en cada unha das sete cidades galegas para as persoas que por diferentes circunstancias, tanto persoais como laborais, non poidan retornar aos seus domicilios ou lugares de orixe no período establecido. Así, en concreto, adoptaranse as decisións oportunas para evitar situacións de posible desamparo das persoas que se atopen aloxadas en calquera tipoloxía de aloxamento, tanto hoteleiro como extrahoteleiro.
Trátase dunha medida que o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, propuxo ao Executivo central no marco da Comisión Sectorial de Turismo, na que participou por videoconferencia xunto ao resto de representantes das comunidades autónomas.
Para as persoas estranxeiras en tránsito deberán establecerse as canles adecuadas para facilitar as actuacións das autoridades da administración estatal encargadas da repatriación.
A Xunta trasladou xa a necesidade de que nestes establecementos de garda se habiliten servizos de atención básica ás persoas hospedadas, garantindo as medidas de prevención determinadas pola autoridades sanitarias. Igualmente, sinala que os traslados precisos deberán rexerse en todo momento polas normas de mobilidade actualmente en vigor.
Estas medidas foron remitidas á Delegación do Goberno en Galicia, a quen se solicitou información sobre os rexistros de aloxados diarios. Como reforzo, e co obxectivo de traballar coa máxima anticipación, a Xunta contactou cos establecementos inscritos no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas (REAT) da Comunidade Autónoma, en comunicación permanente co Clúster Turismo de Galicia e cos representantes sectoriais e provinciais.