A Xunta destinará este ano 2 millóns de euros ao Plan de Formación para o Camiño

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, e a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participaron no primeiro encontro da iniciativa, que forma parte da programación do Xacobeo.

A Oficina de Acollida ao Peregrino de Santiago de Compostela, como meta e fin do Camiño, foi o simbólico emprazamento escollido para dar comezo á primeira das conversas que compoñen o ciclo Xacobeo Peregrinas, impulsado pola Xunta no marco da celebración do Xacobeo.

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, e a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, responsables dos dous departamentos implicados na posta en marcha deste programa, participaron na apertura deste ciclo. Ambas aproveitaron a ocasión para poñer en valor o peso da muller na sociedade destacando o interese en afondar no fenómeno do Camiño, da vida e da sociedade desde unha perspectiva de xénero.

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, amosou o seu convencemento de que as mulleres galegas xogarán “un papel crucial na recuperación” tras a pandemia. Amosou o seu propósito de que “ningunha muller se quede atrás por falta de axudas” e puxo énfase en que o Goberno galego vén reforzando as medidas para garantir “a evolución profesional das mulleres para mellorar a súa inserción laboral e a súa promoción a postos de maior responsabilidade”.

Lorenzana lembrou que precisamente no terreo formativo, a Consellería mantén “un vínculo moi consolidado co Camiño de Santiago” a través de obradoiros de emprego relacionados coa promoción turística e a información ao visitante, “actividades cunha forte presenza feminina”, incidiu. A Xunta destinará este ano 2 millóns de euros ao Plan de Formación para o Camiño, dirixido a persoas traballadoras do sector da hostalería con centros de traballo nos concellos que atravesa a ruta xacobea.

“O peso específico que as mulleres temos no Camiño de Santiago é imparable”, indicou a conselleira. “A peregrinación a Compostela une a mulleres e homes nun mesmo fin; camiñamos xuntos cara unha meta compartida: que todas e todos teñamos idénticas oportunidades e os mesmos dereitos”. Neste sendeiro, a titular de Emprego e Igualdade apuntou como elemental a educación e o desenvolvemento lexislativo. Todo co obxectivo de “rematar” coas desigualdades que aínda persisten, remarcou.

“O Xacobeo e o Camiño están chamados a ser motores do impulso para a recuperación de Galicia tras esta crise sanitaria”, destacou a directora de Turismo de Galicia. “Unha recuperación na que debemos traballar conxuntamente tanto no ámbito económico como no emocional aproveitando a xanela de oportunidades que se abre fronte a nós para proxectar a imaxe que queremos de Galicia fronte ao mundo”.

A novelista Espido Freire, a investigadora experta en nanotecnoloxía María José Alonso, e a Estrella Michelin Lucía Freitas, que aportou a súa destreza nos fogóns para ofrecer un petisco ás asistentes, foron as convidadas desta primeira sesión. Todas elas participaron de xeito presencial, mentres que a médica e paratriatleta olímpica Susana Rodríguez Gacio aportou a súa experiencia de xeito telemático.

Tanto esta primeira xornada como o resto delas serán transmitidas vía streaming a través da canle oficial do Camiño de Santiago.

DEZ MESAS, DEZ CAMIÑOS

Xacobeo Peregrinas nace co obxectivo de xerar espazos de reflexión que fomenten o intercambio de experiencias arredor da peregrinación e o Camiño de Santiago coa muller como protagonista a través das experiencias e reflexións que ofrecerán as diferentes convidadas.
Cada mesa se celebrará nun Camiño e contará con figuras senlleiras e recoñecidas en moi diferentes ámbitos de coñecemento.