‘A Verba Viva’
A Xunta de Galicia incide no valor paisaxístico, cultural e lingüístico da Ribeira Sacra por medio do documental audiovisual A verba viva, que presentou hoxe o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, acompañado pola directora da peza, Lorena Gallardo.
“A Ribeira Sacra é un dos nichos naturais, paisaxísticos, monumentais, turísticos e lingüísticos de Galicia e precisamente niso quere incidir este documental audiovisual que percorre os seus espazos máis emblemáticos incidindo especialmente nos seus valores culturais e lingüísticos”, destacou o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, quen sinalou que a peza completa estará “dispoñible proximamente en aberto para consumo e divulgación de toda a cidadanía desde o Portal da Lingua Galega”.
No acto de presentación, que acolleu o Pazo de San Roque, acompañounos tamén Mercedes Vázquez, colaboradora de Chantada Comunicación, produtora que dá a lume A verba viva. Ribeira Sacra. Paisaxe cultural e patrimonio lingüístico.
PERCORRIDO PODEROSO
A verba viva. Ribeira Sacra. Paisaxe cultural e patrimonio lingüístico é un percorrido pola Ribeira Sacra desde o seu núcleo. Unha viaxe audiovisual a unha paisaxe cultural única que só poden ser entendidas desde as claves que rexen o patrimonio humano e os seus e as súas protagonistas: os ribeiraos e as ribeirás, que achegan o público espectador de primeira man á verdadeira identidade do territorio. A propia conversa coa veciñanza fai emerxer dos ríos Sil e Miño a lingua e a fala propias dun xeito natural: unha boa parte das verbas singulares que definiron e definen a vida en forte pendente, o patrimonio, a paisaxe, a viticultura e as tradicións.
A verba viva pretende, para alén de entreter e guiar ao espectador, promocionar a Ribeira Sacra e afondar no seu patrimonio lingüístico co obxectivo de recoller, recuperar e divulgar a lingua e os termos propios do xeito de vida da ribeira: artesáns e artesás, viticultores/as con herdanza familiar e amantes do río e da terra.
PRODUCTORA CHANTADA COMUNICACIÓN
O documental audiovisual, de algo máis dunha hora de duración, foi dirixido por Lorena Gallardo e Humberto Novoa, e producido por Chantada Comunicación, estará proximamente dispoñible, en aberto, desde o Portal da Lingua Galega.
Foi gravado no inverno de 2021 en varios concellos da Ribeira Sacra localizados nas provincias de Lugo e de Ourense, coas colaboracións e participacións, entroutros, do filólogo e profesor Anxo González Guerra; do divulgador e contacontos ambientalista Anxo Moure; dos artesáns Elías de Gundivós, Fernando Ibarra, Manuel Gómez (Manolete); do viticultor Primitivo Lareu; de Sonia Faria, guía do Ecomuseo do Pazo de Arxeriz (O Saviñao), ou de Ana Cortiñas, veciña da ribeira. Conta tamén coa colaboración musical de Searas, en directo, e do grupo Gancho Sanches nos créditos.