'A Chamada do Camiño Inglés'
O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe na presentación do vídeo “A Chamada do Camiño Inglés”, promovido pola Asociación Camiño Inglés e protagonizado polo deportista Javier Gómez Noya, o compromiso tamén da Xunta no fomento desta ruta e dos outros 9 itinerarios do Camiño de Santiago.
Alfonso Rueda incidiu no potencial desta ruta como así o acreditan os máis de 15.700 peregrinos que a escolleron o ano pasado.
A Xunta levou a cabo melloras na conservación, sinalización e mantemento do Camiño Inglés en actuacións que supuxeron un investimento de máis de 2 millóns de euros. Estas accións enmárcanse dentro do Plan Director do Camiño 2015-2020, ao que o Goberno galego leva destinados 33,9 millóns de euros co obxectivo de acondicionar todos os Camiños de cara ao Xacobeo 2021.
Ademais, no marco do Plan de Embelecemento dos Camiños, a Administración autonómica habilitou este ano unha liña de axudas de case 1,2 millóns de euros destinada a concellos polos que pasan as rutas xacobeas e particulares para levar a cabo accións de mellora paisaxística, entre as que se inclúen propostas en tramos do Camiño Inglés.
O vídeo presentado hoxe ofrece da man de Javier Gómez Noya un percorrido polas paisaxes, a gastronomía e os servizos da ruta do Camiño Inglés. Alfonso Rueda destacou a importancia de que referentes do mundo do deporte coma Gómez Noya se impliquen na promoción do Camiño de Santiago e se convertan nos mellores embaixadores da marca Galicia.
Tamén co obxectivo de dar a coñecer o patrimonio de tódalas rutas xacobeas, a Xunta encara a recta final da conta atrás cara o Xacobeo 2021 co proxecto Acende o Xacobeo, que desde onte ata o 31 de decembro permitirá iluminar 93 monumentos representativos en toda España, moitos deles vinculados ao Camiño. Nesta ruta do Camiño Inglés ata o día de Nadal lucirán en azul, co logo do Xacobeo e a frecha amarela a Torre de Hércules da Coruña e o Teatro Xofre de Ferrol, aos que se sumarán desde o sábado ao luns 28 de decembro de 20 a Igrexa de Santiago de Betanzos e o Torreón dos Andrade de Pontedeume.