6M€ para dixitalización e o marketing dixital na hostalería

Esta liña de axudas vai dirixida a persoas autonómas, microempresas e pemes do sector que terán de prazo ata o 25 de outubro para presentar as súas solicitudes a través da sede electrónica da Xunta.

A Xunta vén de publicar no Diario Oficial de Galicia, a convocatoria da liña de axudas ao sector da hostalería para a promoción da dixitalización e o marketing dixital por un importe de 6 millóns de euros.

O obxectivo destas axudas, que onte abriron o prazo para a súa solicitude, é contribuír á recuperación do sector turístico tralo impacto da covid-19 mellorando a súa actividade económica e a súa competitividade mediante a transformación dixital.

Poderán ser obxecto das axudas os gastos derivados da instalación de novo software de xestión hoteleira para organizar e programar tódalas áreas de forma eficiente (Property Management System-PMS) e para coñecer as demandas dos clientes (Customer Relationship Management-CRM). Ademais, financiaranse produtos e servizos de marketing orientados a fidelizar e captar novos clientes -estudos de mercado, de satisfacción de clientes, xestión de redes sociais, campañas publicitarias, reportaxes fotográficas e de vídeo....- e accións relacionadas coa páxina web corporativa con motor de reservas.

Entre as actuacións subvencionables inclúese tamén a adquisición de equipamento tecnolóxico básico e específico ou que sirva de apoio ao control da pandemia, así como os gastos derivados dos sistemas de control de teletraballo. O importe da subvención será do 100% cun importe máximo de 15.000 euros por beneficiario.

As axudas van dirixidas a persoas traballadoras autónomas, persoas físicas ou con persoal contratado por conta allea ao seu cargo, microempresas e pemes do sector da hostalería que teñan o seu domicilio fiscal en Galicia e se atopen inscritas no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Xunta de Galicia (REAT). A convocatoria abarca dentro do sector da hostalería aos hoteis, hostais, casas rurais e outros tipos de aloxamento, ademais de restaurantes, bares e outros establecementos de restauración.

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal ata o vindeiro 25 de outubro

Esta liña forma parte do novo paquete de novas medidas de apoio ao sector turístico galego, que conta cun investimento total de case 16 millóns de euros para inxectar liquidez a axencias de viaxes e establecementos hostaleiros, ademais de colaborar na mellora das infraestruturas turísticas dos concellos de ata 10.000 habitantes.

Con estas e outras convocatorias publicadas ao longo deste ano, a Xunta investiu neste 2021 un total de 31,2 millóns de euros en distintas medidas de apoio ao sector turístico e ás accións relacionadas con este ámbito por parte de concellos e outras entidades. Xunto con esta contía e os 90 millóns inxectados á hostalería a través dos dous Plans de Rescate da Xunta, o Goberno galego leva investidos este ano case 120 millóns de euros para contribuír á reactivación do turismo galego.

Deste xeito, Galicia foi pioneira e situouse á vangarda de España na posta en marcha de axudas directas aos sectores máis afectados pola pandemia e a Xunta acompañou ao sector desde o primeiro momento da crise sanitaria.