Nenos galegos do exterior conmemoran este domingo o Día das Letras Galegas cun contacontos dedicado a Carvalho Calero

O profesor Ricardo Carbalho Calero.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, invitou a todos os nenos galegos do exterior a conmemorar o Día das Letras Galegas 2020 cunha homenaxe á figura á que se lle dedica este ano, Ricardo Carvalho Calero. O titular do departamento autonómico anunciou que, malia que a celebración oficial desta efemérides quedou adiada ata o 31 de outubro, “os galegos de todo o mundo merecen recibir un agasallo especial no día da súa lingua, e este ano queremos centrar a mirada cara os máis cativos, aqueles que están a sufrir dun xeito especialmente complexo a situación derivada da pandemia do coronavirus”. Por iso, a Secretaría Xeral da Emigración ofrecerá ás 16 horas (hora española) un contacontos sobre a figura do ferrolán “como agradecemento ao comportamento exemplar que están a ter os nenos neste novo escenario mundial que os está a separar momentaneamente da súa rutina de lecer”.

O contacontos, que correrá a cargo de Polo Correo do Vento, permitirá aos máis pequenos seguir a vida de Carvalho Calero por boca de Enrique Mauricio, mentres a figura do poeta e ensaísta vai tomando forma a través do carboncillo de Carlos Taboada. Ademais, trala primeira parte da sesión, Taboada ofrecerá un obradoiro para ensinar aos espectadores a debuxar o homenaxeado deste ano no Día das Letras Galegas. Durante esta sección, os nenos poderán interactuar co debuxante e mesmo exporlle algunha dúbida sobre a realización do debuxo.

Tanto a sesión de contacontos como o obradoiro posterior, que se emitirán a través do Facebook live de Galicia Aberta, quedarán colgados nas redes sociais e na propia páxina web da Secretaría Xeral da Emigración (emigracion.xunta.gal) para poder ser visualizado en calquera momento.

PARA MAIORES

Esta actividade da Secretaría Xeral da Emigración enmárcase na oferta cultural que está a facer a Xunta de cara a conmemorar o Día das Letras Galegas, e que inclúe, entre outras, unha iniciativa na que está a colaborar a Secretaría Xeral de Política Lingüística e organizada pola Federación Galega de Universitarios Sénior (Fegaus), que emitirá o domingo ás 10:30 e ás 17:30 horas unha xornada académica sobre a figura de Carvalho Calero. Para acceder a este contido, de carácter gratuíto, hai que inscribirse na plataforma do colectivo (https://fegaus.canalsenior.es/fegaus-no-dia-das-letras-galegas-2020-a-carvalho-calero-efeg20200517). A actividade terá unha duración aproximada de 50 minutos.