'Aprende a cociñar na Coruña'
Afundación, a Obra Social de ABANCA, colabora coa nova iniciativa solidaria de Cáritas, «Aprende a cociñar na Coruña». Este novo proxecto, consistente na emisión de vinte e seis capítulos nos que se conta coa participación de diferentes figuras dos ámbitos gastronómico, cultural, deportivo ou comunicativo de Galicia, poderase seguir a través de Afundación TV, todos os luns ás 18.00 h. Na entrega do luns 28 de febreiro estarán Elena Roca e Carlos A. Sánchez. Deste xeito, a Obra Social de ABANCA avanza na súa implicación social, que continúa vixente en programas como «Cultura por alimentos», que anima a todas as persoas que participan en actividades de Afundación a colaborar, a modo de entrada, cun produto non perecedoiro que se pode depositar nos colectores instalados nos centros da entidade.
«Aprende a cociñar na Coruña» é unha proposta que incide na necesidade de contar cunha alimentación equilibrada, e economicamente accesible, que redunde no compromiso que Afundación, e neste caso a través da colaboración con Cáritas, adquiriu cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, que, neste proxecto se identifica cos ODS 2, 3 e 10, relativos á erradicación da fame, a mellora da saúde e a redución das desigualdades.
Este proxecto de Cáritas, no que a coordinadora de Cultura de Afundación, María Teresa Cores, participou coa elaboración dunha receita de produto local, conta, ademais coa publicación do receitario editado tras a gravación dos episodios e co que tamén colaborou Afundación. Nel recóllense os pratos cociñados por figuras tan populares como Pepe Solla, Déborah García Bello, Luis Iglesia, Antonio Vázquez Taín, María Cadaval, Fina Castro Graña, Inés Rey, Xulio López Valcárcel, Antonio Couceiro, Xoán Crujeiras ou Marta Brañas, entre outros moitos nomes destacados.