A Xunta presenta as propostas consensuadas co Norte de Portugal para abordar no próximo Cumio Ibérico
O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou hoxe na localidade portuguesa de Bragança na
XII reunión da Comisión hispano portuguesa de Cooperación Transfronteiriza para preparar o XXXI Cumio Ibérico no que participarán o próximo outubro na Guarda o presidente do Goberno e os seus ministros co primeiro ministro portugués e os membros do seu Executivo.
No encontro de hoxe, Jesús Gamallo presentou varias propostas consensuadas co Norte de Portugal a ter en conta na reunión do Cumio Ibérico do próximo mes, entre elas a necesidade de crear protocolos conxuntos no ámbito sanitario e de impulsar o Camiño Portugués a Santiago de Compostela para dar un novo pulo ao Xacobeo 2021 como elemento integrador da proxección exterior e eixo vertebrador da cohesión.
En materia de infraestruturas e mobilidade, a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal solicita a finalización do tren de alta velocidade entre Vigo e Porto e a construción da saída sur de Vigo para prolongar esta liña, melloras no tren Celta, así como a conexión internacional por autovía entre Galicia e o noreste portugués.
Tamén se recollen entre as peticións a abordar no Cumio Ibérico o fomento da mobilidade na fronteira con medidas que contribúan a reducir o declive demográfico destas zonas e a apoiar a reactivación da actividade económica e laboral. Estas propostas xa están a ser incluídas precisamente no Plan de reactivación da cooperación de proximidade, un documento elaborado pola Xunta e o Norte de Portugal en coordinación con todos os actores da cooperación transfronteiriza.
Este plan persegue paliar o impacto do peche da fronteira entre Galicia e Portugal durante varios meses ocasionado pola crise sanitaria da covid-19 con estratexias encamiñadas a dinamizar a cooperación de proximidade e preparar á Eurorrexión para afrontar a nova realidade post-covid-19.
O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE tamén destacou a importancia de contar co proxecto dunha Estratexia Común de Desenvolvemento Transfronteirizo para toda a fronteira levada a cabo pola Comisión hispano-lusa de Cooperación Transfronteiriza. Na mesma liña, agradeceu que se teña en conta no Cumio Ibérico a proposta galega para que os Plans de Cooperación e Reforma dos gobernos de España e Portugal que se envíen a Bruxelas sexan coherentes sobre a base desa Estratexia Común.
A reunión de hoxe da comisión foi presidida polo secretario xeral técnico do Ministerio de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación, José María Muriel, e do director xeral de Asuntos Europeos de Portugal, Rui Vinhas, e acudiron representantes dos Ministerios de Facenda e Política Territorial dos dous países, así como das Federacións de Municipios española e portuguesa. Como representación das autonomías, ademais de Galicia asistiron membros dos gobernos de Castela e León, Extremadura e Andalucía, ademais de integrantes das Comisións de Coordinación e Desenvolvemento Rexional (CCDR) do Norte, Centro, Alentejo e Algarve.