Tecnopole ofrece ás súas empresas unha moratoria de tres meses no pago do alugueiro dos locais
Con motivo da situación actual de emerxencia sanitaria provocada polo
COVID-19, Parque Tecnolóxico de Galicia S.A., participada pola Xunta de Galicia e como arrendadora dos locais situados nos edificios CEI, Tecnópole I e
Tecnópole II do Parque Tecnolóxico de Galicia (Concello de San Cibrao das Viñas,
Ourense), acordou ofrecer ás empresas arrendatarias unha moratoria dun máximo
de tres meses de alugueiro.
Ademais, o Parque acordou ofrecer aos arrendatarios ou propietarios das
parcelas da Tecnópole unha moratoria na vindeira factura, correspondente ao segundo
trimestre de 2020. Esta cota trimestral non se facturará na data prevista do 30
de abril, senón que se prorrateará nos seguintes catro trimestres.
Dende o Parque manifestan que “esta medida ten por obxecto axudar a
paliar as consecuencias económicas negativas que a crise sanitaria do COVID-19 está
a ter no tecido empresarial, unha medida de sensibilidade cara á situación das
nosas empresas”.
Unha vez iniciada esta situación de estado de alarma que estamos a vivir
en todo o país, o Parque Tecnolóxico de Galicia decidiu realizar unha enquisa dirixida
a todas as súas empresas, co fin de coñecer o grao de afectación desta circunstancia
extraordinaria en cada unha delas. Como consecuencia, da man da Xunta de Galicia, decidiuse optar por unha moratoria no pago tanto dos alugueiros dos
locais como na cota trimestral das parcelas.