Talento 30, para incentivar a contratación de menores de 30 anos desempregados

ARQUIVO DL-G.
Este novo programa contará cun orzamento de 12,2 millóns de euros para os anos 2022 e 2023, “para a contratación destes mozos e tamén para 80 horas de formación”.

O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe a aprobación no Consello da Xunta do programa Talento 30, unha nova liña de axudas para incentivar a contratación de menores de 30 anos desempregados con achegas de ata 20.000 euros por persoa contratada.

Máis polo miúdo, Feijóo explicou que este novo programa contará cun orzamento de 12,2 millóns de euros para os anos 2022 e 2023, “para a contratación destes mozos e tamén para 80 horas de formación”.

Deste xeito, este programa, que pretende chegar a entre 600 e 900 mozos, contará con dúas liñas de axudas. ‘Talento 30 en prácticas’ enfocarase a contratos a mozos con titulación ou certificación profesional mentres que ‘Talento 30 formación en alternancia’ atenderá a aqueles que non teñan cualificación profesional recoñecida.

Para concluír, Feijóo lembrou que este programa forma parte do Plan Emprega Xuventude, que, dotado de case 52 millóns de euros, xa ten activadas iniciativas como o Programa Primeira experiencia profesional nas administracións ou o Programa Investigo.