O Parque Tecnolóxico da Galicia -Tecnópole- acolle unha nova empresa dedicada a ofrecer solucións no eido da sostibilidade empresarial. Trátase de Sigamos Consultoría, que centra a súa actividade na “estimulación de accións e actitudes empresariais cara a unha contorna sostible, a prol do futuro da sociedade”. Así o explica a súa fundadora, Laura Magalhães de Andrade.
Laura é consultora de sostibilidade ambiental con máis de quince anos de experiencia no ámbito internacional e profesora universitaria de Dereito Medioambiental e Urbanístico. Natural da cidade brasileira de Río de Janeiro, chegou a Galicia para facer unha estadía de investigación na Universidade de Vigo, logo realizou un máster na Universidade do País Vasco sobre a Axenda 2030 -da que é experta- e finalmente decidiu quedar en Ourense para lanzarse a emprender no noso país. En Brasil xa traballaba nesta idea de negocio. Na actualidade representa en España ao grupo empresarial internacional con sede nos Estados Unidos Sustainable Business Solutions, que actúa en Alemaña, Portugal e Brasil. E desde 2017 lidera un grupo de investigación en Portugal no Instituto Gilvan Hansen. Traballou tamén como asesora ambiental da firma Worldlex, con presenza en 64 países.
A firma busca transformar os procesos internos das empresas e a súa contorna
Sigamos, que xa está instalada nun niño do edificio CEI, é a primeira empresa do Parque Tecnolóxico de Galicia en ofrecer solucións personalizadas e globais en sostibilidade empresarial. A súa fundadora e directora executiva manifesta que “estar en Tecnópole é unha decisión estratéxica porque é neste espazo onde se localizan algunhas das empresas galegas máis importantes en termos de produción, alcance e impacto económico, medioambiental e social”. Acaba de asinar un convenio coa Universidade de Vigo para ofrecer prácticas a estudantes de Dereito e de Ciencias Ambientais.
A nova empresa pretende “intercambiar experiencias e ofrecer solucións co propósito de construír cadeas de valor que poidan aliñarse en prácticas efectivamente sostibles que transformen non só os procesos internos das organizacións, senón que contribúan así mesmo á transformación positiva de todos os grupos de interese, da súa contorna e da comunidade na que se insertan”.
“Queremos democratizar o coñecemento sobre estándares internacionais como os criterios ESG (acrónimo en inglés de Prácticas Ambientais, Sociais e de Gobernanza), os 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) da Axenda 2030 e axudar a persoas e institucións a aplicar a sostibilidade, que sexan recoñecidas por iso, que sexan así máis atractivas para o mercado e, deste xeito, poidan lograr mellores resultados, tamén á Administración Pública" -destaca Laura Magalhães-.
Outro dos obxectivos de Sigamos é conectar ás pemes coas grandes corporacións, impulsando áreas de responsabilidade social empresarial, co fin de que poidan medrar xuntas. Busca ademais ser “un referente en investigación, desenvolvemento e innovación social para Galicia”.