SEDEXPO, seguridade, defensa e emerxencias
A Feira Internacional de Seguridade, Defensa e Emerxencias, SEDEXPO, celebrará a súa terceira edición do 26 ao 28 de marzo do próximo ano na Feira Internacional de Galicia ABANCA.
Así se decidiu hoxe nun encontro mantido no recinto feiral con representantes de empresas do sector e cuxo obxectivo era comezar a dar pasos para esta nova convocatoria. Os asistentes estiveron ademais acompañados do xerente da Axencia Galega de Emerxencias da Xunta de Galicia, Marcos Araújo, e dun equipo da Feira Internacional de Galicia ABANCA.
Adicionalmente á elección das datas máis idóneas para o certame, na reunión analizáronse os resultados da pasada edición, na que destacou o crecemento da súa superficie nun 4,5% e unha presenza de empresas estranxeiras un 29% maior.
Ademais, abordáronse aspectos organizativos desta cita de 2025 para seguir mellorando e ofrecer aos expositores e visitantes un espazo de referencia. A promoción do evento ou a estruturación do programa de xornadas técnicas foron algúns deles.
O ámbito asociativo será convocado proximamente
Coa mesma intención de avanzar na organización de Sedexpo 2025, a Feira Internacional de Galicia ABANCA tamén se reunirá proximamente con asociacións e colectivos dos ámbitos que conforman a feira.
Así, o certame contará xa con todas as formulacións e enfoques para deseñar un efectivo espazo de interacción, negocio e análise destes tres sectores sinérxicos e claves na sociedade.