Recuperación verde, dixital, inclusiva e social, bases dun novo modelo económico
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, acompañado do vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, presidiu a reunión constitutiva da comisión Next Generation Galicia, na que se sinalou que a Xunta conta xa con sete proxectos que se axustan aos obxectivos que marca Europa para unha recuperación verde, dixital, inclusiva e social, e que se desenvolverán grazas á colaboración público-privada.
Tal e como sinalou Conde ao remate da reunión, a Xunta dálle prioridade absoluta ao traballo para optar ao Fondo Europeo de Recuperación, e así, a comisión interdepartamental que se vai encargar de supervisalo bota a andar inmediatamente despois de ser aprobada o pasado xoves no Consello da Xunta. Este labor implica a todas as consellerías; ao Igape, que contará cunha oficina de proxectos tractores encargada da súa tramitación; e ao Comité de Expertos Económicos, que xa foi unha peza clave no deseño do Plan de reactivación e dinamización de Galicia, e co que o Goberno galego quere seguir contando para seguir sumando as súas achegas.
O Fondo Europeo de Recuperación ofrece a posibilidade de acceder a un volume de investimento sen precedentes, sentando as apoiado no coñecemento, a innovación, a dixitalización e as enerxías limpas. Nese sentido, Conde subliñou que existe un obxectivo claro por parte da Xunta con estes fondos: “Afrontar a recuperación da crise económica e sobre todo a recuperación do emprego, xa que somos conscientes da importancia de impulsar reformas e sobre todo de impulsar proxectos que permitan a transformación económica e social e respondan ás necesidades do impacto derivado da covid-19”.
Conde puxo en valor o traballo realizado ata o momento, a través do Plan de Reactivación e Dinamización de Galicia, que supón un investimento público-privado de 3000 millóns de euros, e cos catro proxectos tractores e tres novas iniciativas transversais cuxa planificación está xa máis madura. Os catro proxectos son a instalación dunha planta de produción de hidróxeno verde; a implantación dun centro para o impulso da economía circular; a creación dun centro de fabricación de fibras téxtiles sostibles a partir da madeira, que permita diversificar un sector estratéxico para Galicia; e a instalación de nova potencia renovable, con 1000MW que permitirán o autoabastecemento do resto de proxectos.
As tres iniciativas transversais, das que se beneficiarán os proxectos tractores, céntranse nas cadeas loxísticas sustentables para o transporte; un centro de innovación en tecnoloxías renovables de hidróxeno; e un laboratorio dixital para afondar en sistemas 4.0.
FOLLA DE RUTA
O vicepresidente económico sinalou que estes catro proxectos e tres iniciativas transversais irán incluídos na folla de ruta que vai presentar Galicia o 15 de outubro ao borrador que o Estado levará a Europa coas primeiras propostas, na que tamén están incluídos outros proxectos que hoxe se veñen de coñecer nos que o traballo xa está iniciado e toca agora desenvolver no marco da comisión. Esta comisión planificará e coordinará o traballo de todos os departamentos, entidades e empresas implicadas que lideran cada un deses proxectos coa vista posta en abril do vindeiro ano, que é o prazo estipulado polo Goberno para a entrega dos proxectos definitivos e a súa defensa ante a Unión Europea.
Francisco Conde fixo fincapé ademais en que, desde o primeiro momento da pandemia, Galicia leva dando mostras dunha colaboración real e efectiva cos axentes económicos e sociais e co tecido produtivo, a través do Comité de Expertos Económicos, e apuntou que esa colaboración público-privada vai ser indispensable para aumentar o alcance e capacidade de investimento dos proxectos tractores, e para mobilizar empresas e axentes sociais e chegar ao conxunto do tecido económico. Unha colaboración, sinalou, na que se afondará o próximo venres coa celebración do foro onde participarán empresas, entidades financeiras, profesionais e centros de coñecemento.