Os promotores da Plisan aproban a cesión da urbanización da zona loxístico empresarial ao concello de Salvaterra de Miño
Os promotores da Plataforma loxística industrial Salvaterra-As Neves (Plisan) aprobaron na comisión de seguimento, celebrada hoxe, a cesión da urbanización da zona loxístico-empresarial ao Concello de Salvaterra de Miño, así como a entrega do aproveitamento urbanístico.
Con esta aprobación, dáse cumprimento á lexislación urbanística e de ordenación do territorio, que establece que son os promotores os encargados de facer entregar ao concello os terreos correspondentes ao viario público, zonas verdes, espazos libres e resto dos espazos destinados a equipamentos públicos. Ao igual que acontece coas obras de urbanización, co fin de que o municipio poida poñer en servizo a fase da área empresarial xa urbanizada.
Durante a reunión, na que a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, participou por videoconferencia, tamén se acordou a entrega ao Concello das Neves do aproveitamento urbanístico, en base á superficie de terreos da Plisan localizados no seu termo municipal, e que supón o 29,25% da totalidade da área industrial.
Cómpre salientar que a Xunta, promotora da Plisan xunto á Autoridade Portuaria de Vigo e ao Consorcio Zona Franca de Vigo, prevé un orzamento de 1,64 millóns de euros para esta área empresarial, que representa a maior bolsa de solo industrial do sur de Galicia.