Primux, sen roturas de stock, medra un 20% en 2020
Primux é unha empresa tecnolóxica galega con máis de dez anos de traxectoria no desenvolvemento de ordenadores, portátiles, tablets, smartphones, cámaras e accesorios informáticos diversos. Con sede no Parque Tecnolóxico de Galicia -Tecnópole-, superou de maneira moi positiva o complexo ano da pandemia.
O CEO da compañía, Daniel Rodríguez, salienta que “a crise mundial provocada pola COVID-19 tivo un impacto desigual nos mercados e determinados sectores víronse moi favorecidos polos cambios nos hábitos de consumo e a aceleración na adopción dos avances en tecnoloxía. As restricións ao lecer e o confinamento -que motivou a imposición masiva do teletraballo- impulsaron radicalmente o negocio das empresas de produtos tecnolóxicos. Así, en 2020 viviuse un auxe sen precedentes na renovación de equipos como ordenadores, tablets ou accesorios para o xogo”.
Os grandes da industria mundial rexistraron esta tendencia positiva, que tamén tivo o seu reflexo en España, onde só a venda de computadores subiu un 27% o pasado ano. Hai que remontarse a 2010 para acceder a datos de crecemento comparables, aínda que entón o ascenso quedou no 13,7%.
Primux, fabricante de equipamento informático e tecnoloxía “honesta”, fácil e accesible, surfeou esta onda na mesma liña que o sector, conseguindo o exercicio pasado un incremento na súa facturación do 20%. Con este crecemento sitúase tamén como o líder español no sector de fabricación de dispositivos informáticos con sistema operativo Windows. A finais de 2020 Primux estaba xa presente ademais nas firmas comercializadoras máis potentes do sector en España, como Amazon, El Corte Inglés, Carrefour ou Media Markt.
A compañía encara agora o segundo semestre do ano con ese impulso cara ao crecemento que sinalou o camiño da pandemia. Daniel Rodríguez amósase moi optimista con permanecer “en cocientes de crecemento similares a 2020. Iso tendo en conta que seremos capaces, grazas á nosa política de reservas e almacenamento, de evitar roturas de stock que o ano pasado afectaron a moitos fabricantes e que Primux apenas notou por ese motivo”.