Primeiro campus virtual de España de formación para o emprego
A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, participou hoxe en Santiago de Compostela na asemblea xeral da delegación galega da Confederación Española de Empresas de Formación (Cecap) na que expuxo as vantaxes que traerá a posta en marcha en Galicia do primeiro campus virtual autonómico de formación para o emprego de España, unha iniciativa da Xunta que desenvolve a Consellería de Emprego e Igualdade en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
A nova ferramenta, en palabras da conselleira, achegarase a todo o territorio galego e posibilitará unha formación moderna con todas as garantías. “É un proxecto que vén de reformular integramente o modo de entender e impartir formación para o emprego en Galicia”, matizou.
Cun investimento de máis de 330.000 euros, a plataforma permitirá que 15.000 alumnos e alumnas participen en ao redor de 1.700 cursos convocados no marco do Plan de formación para o emprego da Xunta. A ferramenta porase a disposición das preto de 1.100 entidades formativas acreditadas en Galicia e dos 13 centros de formación da Consellería de Emprego e Igualdade, aos que se lles suman os programas específicos da Fundación Pública Galega da Formación para o Traballo.
Lorenzana explicou que esta iniciativa, ademais de contribuír a mellorar a cualificación profesional dos galegos e galegas, permitirá flexibilizar a formación en dúas vertentes: por unha banda facilitará a conciliación e, por outra, o acceso á mellora da formación ás persoas residentes no rural ou a aquelas que teñan limitada a súa capacidade de desprazarse.
A conselleira, así mesmo, afirmou que o campus virtual dá resposta ao documento Brújula Digital 2030 presentado en marzo pola Comisión Europea que no seu punto carto fixa como obxectivo para esta década a plena dixitalización dos servizos públicos, clave, entre eles, a formación.
Para rematar, a titular de Emprego e Igualdade apuntou á importancia da formación para o emprego para mellorar as oportunidades laborais dos galegos e galegas, polo que a Xunta reforzou este ano este ámbito destinando para 2021 un total de 152 millóns de euros. Entre as iniciativas que se están levando a cabo, destacou a ampliación do catálogo de formación para o emprego deseñado ata 2022 con actividades que chegarán a unhas 33.000 persoas desempregadas e ocupadas. Tamén indicou que a Xunta está avanzando na implementación da Axenda Galega de Capacidades coa ambición de conseguir un “gran pacto social” da formación para o emprego en Galicia. “Esta folla de ruta responde tanto ás necesidades do presente como aos retos do futuro, intentando adaptarnos aos cambios e anticiparnos aos mesmos”, concluíu.