O papel clave de Reganosa no despregamento do hidróxeno verde en Galicia
O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, salientou hoxe o papel clave que está a desempeñar Reganosa no despregamento en Galicia de novas fontes de enerxía como o hidróxeno verde.
Acompañado da delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, Conde visitou hoxe as obras realizadas no peirao da regasificadora, en Mugardos, onde a compañía instalou un novo sistema de carga e descarga de gas natural licuado (GNL) que lle vai permitir operar con todo tipo de buques. Unha infraestrutura, dixo o vicepresidente, que fará posible que Galicia poida configurar en torno a estas instalacións un hub de GNL para todo o noroeste peninsular.
O vicepresidente económico agradeceu, tanto a Reganosa como á Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, a súa participación na Alianza industrial galega do hidróxeno verde que a Xunta puxo en marcha xunto con todos os axentes do sector para impulsar a cadea do hidróxeno en Galicia. Nese sentido, lembrou que Reganosa promove dúas plantas de hidróxeno verde nas Pontes e en Cerceda. A primeira xunto con EDP declarada pola Xunta como Proxecto Industrial Estratéxico; e, a segunda, con Naturgy e Repsol, que conta coa declaración de Iniciativa Empresarial Prioritaria, no marco das medidas de axilización administrativa que está a desenvolver o Goberno galego.
Conde subliñou que a mellor resposta que poden dar as administracións a todo este esforzo que está facendo a iniciativa privada é ofrecerlles o máximo apoio. E, ao respecto, volveu insistir en que Galicia poida formar parte da rede de hidrodutos que unirá España co resto de Europa mediante a conexión Guitiriz -Zamora. Do mesmo xeito que, dentro do Perte do Hidróxeno, solicitou ao Goberno que abra a man e teña unha especial consideración cara aos proxectos que a Comunidade ten en marcha neste sector.