Os mosenses reinvéntanse con emprendimientos nada convencionais
Desde unha perruquería canina móbil ata unha clínica de acupuntura, así de variopintos e singulares son os novos negocios nacidos en Mos en tempos de pandemia. O nexo común de todos eles é ter sido titorizados desde o Servizo de Asesoramento a Emprendedores da Axencia de Colocación do Concello de Mos e que os seus creadores son xoves veciños da localidade mosense.
Mayra Adón, de 35 anos e veciña da parroquia de Dornelas, é a creadora de FurgoCan, unha perruquería canina móbil que foi o primeiro dos negocios innovadores mosenses desta pandemia. Botou a andar ao comezo da crise sanitaria.
Mayra asegura estar “moi contenta coa boa acollida que estou a ter, moito mellor do que esperaba, aínda que a conciliación da vida familiar e laboral dificúltame traballar en horario de tarde, estou atendendo unha media de 15 citas semanais; o que fan 60 servizos ao mes. Polo que non me podo queixar”, dí esta mosense emprendedora que nos comenta que os tratamentos caninos máis demandados na súa perruquería móbil a domicilio son baño e corte de cans pequenos, sobre todo yorkshires.
Pola súa banda Iago Troncoso, con 34 anos de idade, decantouse por unha clínica de terapias alternativas e o pasado 1 de febreiro de 2021 abriu as portas de ‘Acupuntura y Terapias Manuales Iago Troncoso’ en Estrada As Pozas 2 A.
Ao igual que Mayra, Iago está “satisfeito co resultado que polo de agora está a ter a clínica. Concerto unha media de entre 10 e 15 citas á semana, o que está moi ben nos tempos que corren e cando fai pouco máis dun mes que estamos abertos. Entre o 70 e o 80% do meu traballo céntrase na acupuntura, aínda que tamén ofrezo osteopatía estructural e quiromasaxe”, explica, ao tempo que comenta que os clientes que tiña de antes, doutros municipios, non se animan a desprazarse ata aquí para realizar os seus tratamentos, se ben alédase da boa acollida que está a ter entre a veciñanza mosense, na que percibe un progresivo ascenso.
Aínda que lonxe de ser orixinal ou innovador, un negocio que demostra unha gran valentía por parte da emprendedora que decidiu poñela en marcha é o Bar Miro Pereira en Petelos. Nun momento no que a hostalería é un dos sectores máis castigados pola crise sanitaria, a valente Asunción Ríos, abre en decembro de 2020 o seu bar cafetería na Rúa da Autovía 84.
Dadas as circunstancias excepcionais que atravesa a hostalería, Asun a diferencia de Mayra e Iago, comenta que “a afluencia de clientela é aínda frouxiña”, aínda que con optimismo asegura que “espero que a situación se recupere e o público aumente pouco a pouco”. Respecto do cumprimento das medidas anti COVID por parte dos seus clientes explica que “os habituais son os máis cumpridores, os esporádicos reláxanse máis”.
Ademais destes 3 proxectos de emprendemento durante esta crise sanitaria abríronse outros 4 novos negocios, unha peixería en Peinador, un proxecto de formación infantil e innovación pedagóxica que inclúe educación en arquitectura para a infancia e a adolescencia, un Centro Holístico Chi, un centro especialista en Nutrición e Dietoterapia e unha empresa de informática e programación. 7 novos negocios no último ano en Mos aos que se suman os 6 emprendedores que están a traballar nestes intres nos seus respectivos proxectos da man do Servizo de Asesoramento a Emprendedores da Axencia de Colocación de Mos para poder poñelos en marcha nun futuro.
Desde o Concello, a alcaldesa, Nidia Arévalo, e a concelleira de Promoción Económica, Desenvolvemento Empresarial e Emprego felicitan “a todos estes emprendedores e emprendedoras por quedar en Mos e apostar por Mos para asentar os seus negocios, por contribuir ao crecemento empresarial e económico do noso municipio” e danlle as grazas “pola valentía de emprender en tempos de COVID, de crise sanitaria e económica, en tempos de incertidume nos que a súa aposta decidida polo emprendemento demostra que son uns auténticos valentes e un orgullo e unha honra para este Concello”.