O proxecto ‘Tallk’ facilita a comunicación das persoas enfermas de ELA
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) outorga o Premio e-Inclusión da “XIII Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia” a Samsung Electronics Iberia, S.A.U. polo seu proxecto ‘Tallk’ destinado a facilitar a comunicación das persoas enfermas de ELA.
A gala máis importante da informática en Galicia celebrarase o 29 de outubro no Hotel OCA Puerta del Camino de Santiago de Compostela, cun encontro presencial e virtual que reunirá ás empresas máis destacadas do sector TIC en Galicia. Os premios da Noite corresponden a dez categorías onde os colexiados e colexiadas recoñecen as iniciativas ou persoas destacadas no ámbito da enxeñería en informática. Co Premio e-Inclusión, preténdese visibilizar o valor da tecnoloxía na integración social e o benestar de colectivos especialmente vulnerables.
A aplicación ‘Tallk’, impulsada por Samsung en colaboración coa Fundación Luzón e creada pola startup española IRISBOND, posibilita a comunicación a través da tecnoloxía de ‘Eye tracking’ -seguimento ocular- con tablets Samsung Galaxy en España e Portugal. Deste xeito, as persoas con mobilidade reducida e ausencia da linguaxe oral como os pacientes de ELA poden “falar” a través da mirada, contribuíndo a dotar de maior independencia ás persoas que sofren este tipo de patoloxías, así como a mellorar a súa calidade de vida e a dos seus coidadores e achegados.
A tecnoloxía de ‘Eye tracking’ de ‘Tallk’ utiliza a cámara da tablet para localizar as pupilas e certos puntos característicos do rostro. Posteriormente, a través dunha serie de algoritmos e intelixencia artificial, o software traduce o movemento dos ollos en movementos aproximados dentro da pantalla para acceder a un teclado virtual e converter en voz o texto introducido polo usuario.
Grazas a ‘Tallk’, as persoas poderán utilizar os seus ollos para escribir facendo uso dun teclado virtual preditivo e verbalizar despois o que escriben. Para unha maior axilidade no uso e na comunicación, a aplicación permite engadir frases á colección da persoa usuaria, de forma que poida acceder ás mesmas e verbalizalas en calquera momento de forma rápida e sinxela. Ademais, garda un histórico de frases usadas que permitirá utilizalas en calquera momento que se desexe.
NO FOGAR
O teclado permite tamén interactuar co asistente virtual por voz baseado na intelixencia artificial de Samsung, Bixby, para resolver distintas peticións, así como controlar dispositivos do fogar conectados -mediante unha aplicación de control remoto- como o televisor, os electrodomésticos ou sensores do fogar.
A aplicación ‘Tallk’ está desenvolvida para tablets Android Samsung Galaxy Tab compatibles. Pódese descargar de forma totalmente gratuíta nas tendas Galaxy Store e Play Store en España e Portugal. Actualmente, a aplicación está dispoñible en castelán e portugués.
A esclerose lateral amiotrófica (ELA) é unha enfermidade neurodexenerativa que afecta ás células nerviosas do cerebro e á medula espinal. Os pacientes perden progresivamente todo o control dos movementos musculares ata a morte por parálise completa. É 100% mortal con 1.000 casos novos por ano.
Fundación Luzón, organización dedicada por completo á mellora das condicións coas que viven os pacientes con ELA e os seus familiares, conta coa colaboración de Samsung desde 2018 a través de diversas iniciativas co obxectivo de sensibilizar á sociedade sobre a ELA, visibilizar a enfermidade e promover a investigación para atopar unha cura. Froito desta colaboración, xurdiu a posibilidade de mellorar a vida dos pacientes de ELA a través da tecnoloxía. Para iso, Samsung contou con IRISBOND, compañía española especializada en solucións globais e innovadoras de ‘Eye tracking’ para persoas e empresas, que foi a encargada do desenvolvemento da aplicación.
Segundo Alfonso Fernández, Director de Marketing e Transformación Dixital de Samsung, o proxecto ‘Tallk’ obedece ao desexo da compañía de “crear iniciativas y soluciones innovadoras que contribuyan a mejorar la calidad de vida de las personas. Nuestra colaboración con Fundación Luzón se enmarca en nuestro programa Tecnología con Propósito que incluye varios proyectos de Samsung para mejorar la vida de las personas rompiendo barreras a través de la tecnología y que se materializa en tres pilares: educación y cultura; empleabilidad y emprendimiento; y bienestar y accesibilidad. En este caso, nuestro principal objetivo es mejorar el bienestar de los pacientes de ELA y esta aplicación les permitirá comunicarse y vivir una vida más independiente”.