Novo Fondo de Apoio ao Investimento Industrial Produtivo
A Delegación do Goberno en Galicia anima ás empresas galegas a aproveitar o Fondo de Apoio ao Investimento Produtivo, dotado con 600 millóns de euros. A nova liña de achegas xa está activada polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo.
O Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, a través da empresa pública SEPIDES, vén de activar o Fondo de Apoio ao Investimento Industrial Produtivo, dotado con 600 millóns de euros en 2021. O fondo ten como obxectivo estimular o desenvolvemento industrial, reforzar a competitividade e manter as capacidades industriais do territorio.
Este novo instrumento vai contribuír a incrementar a produción industrial e o emprego de calidade no conxunto do territorio e avanzar no obxectivo de alcanzar o 20% do PIB industrial. O Goberno está a apoiar ao sector industrial para facelo máis competitivo e resiliente mellorando os instrumentos de financiamento de investimentos, axudas á industria electrointensiva, instrumentos regulatorios e programas de apoio á transformación dixital, entre outros. Ademais, a panca V do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia vai permitir despregar investimentos moi importantes en sectores estratéxicos como a automoción, onde mobiliza 4.300 millóns de euros en axudas públicas a través do PERTE de desenvolvemento do vehículo eléctrico e conectado.
Características do Fondo
O Fondo financiará sociedades mercantís privadas e cooperativas que desenvolvan ou vaian desenvolver unha actividade industrial produtiva e de servizos industriais, con independencia do seu tamaño, apoiando a creación e traslado de establecementos, así como as melloras e/ou modificacións de liñas de produción e procesos. Inclúese expresamente a implementación produtiva de tecnoloxías da «Industria Conectada 4.0.» e actuacións nas liñas orientadas á sustentabilidade ambiental.
O financiamento realizarase mediante préstamos ordinarios, préstamos participativos, participación en capital temporal e minoritaria, ou fórmulas mixtas entre as anteriores con operacións a longo prazo (ata 10 anos) e carencias elevadas (ata 3 anos en préstamos ordinarios e participativos).
O custo do financiamento aplicarase en función da cualificación financeira da empresa, o proxecto, o tipo de operación e a bonificación que poida aplicarse por cumprimento de criterios de impacto industrial, establecéndose nas seguintes pinzas: entre o 1 e o 4,5% para préstamos ordinarios; entre o 2 e 7,5% en préstamos participativos; e entre o 4,5 e o 8% en participación de capital.
O importe outorgable de cada operación é de ata o 75% do orzamento financiable do proxecto cun importe das operacións entre o 200.000 e 60 millóns de euros.
Os proxectos teñen que estar situados no territorio nacional, sendo financiables, para as solicitudes que se presenten en 2021, tanto investimentos que se executaron desde o 1 de xullo de 2020, como as que se executen ata 2 anos despois da data de formalización do financiamento.
O Ministerio de Industria, Comercio e Turismo manterá o seu servizo ‘Financia Industria’ de asesoramento gratuíto para os empresarios industriais que queiran explorar posibilidades de financiamento público, dando tamén información e asesoramento sobre este novo fondo.