Mos realiza un estudio sobre o impacto do COVID-19 nas 2.000 unidades empresariais

O Concello de Mos realizará un Estudo do Impacto Económico do COVID-19 en Mos mediante contacto directo con todas as empresas do municipio. O estudo está a ser coordinado desde a Axencia de Colocación mosense, contando con 5 técnicos/as traballando no mesmo, e con todo o equipo de goberno local implicado no proxecto.

O contacto coas preto de 2.000 unidades empresariais existentes no termo municipal estase a facer vía telefónica. As chamadas comezaron hoxe mesmo e prolongaranse durante un prazo dunha semana. Tras a ronda de chamadas para a recompilación de datos, elaborarase o documento do estudo do impacto económico, que se estima estea finalizado para poder facelo público durante o presente mes de maio.

No Concello de Mos existen unhas 2.000 unidades empresariais, habendo autónomos e PEMES (Pequenas e Medianas Empresas) nas 10 parroquias mosenses. Se ben, as grandes empresas concéntranse maioritariamente nas parroquias de (no seguinte orde): Tameiga, Petelos, Sanguiñeda e Louredo.

Isto é debido a que nestas 4 parroquias atópanse os principais polígonos e zonas industriais do municipio: os polígonos do Rebullón e Monte Faquiña en Tameiga, o PEMOS-Veigadaña e parte do SUDI Cebral en Petelos, a zona urbana da Avenida de Sanguiñeda e a zona de Amieirolongo na parroquia de Sanguiñeda, e o polígono de Arrufana-Santiaguiño en Louredo.

Recibirán a chamada do Concello de Mos para a elaboración deste estudo as 2.000 unidades empresarias mosenses, comezando polos autónomos e establecementos que permaneceron ou permanecen aínda totalmente pechados ao público pola crise do COVID-19 tales como: perruquerías, centros de estética, comercios ao pormenor de moda e deporte, bares e cafeterías, restaurantes, entre outros.

Continuarase por todas as demais ata completar as 2.000 e dispoñer de todos os datos necesarios para elaborar o estudo que permita ter unha fotografía real da situación económica empresarial do municipio, e, a partir dela, buscar as vías necesarias para emprender as medidas oportunas ao respecto.