O Kit Dixital concedeu máis de 22.000 axudas ás pemes galegas para dixitalización
O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, informou hoxe que Red.es, entidade adscrita ao Ministerio de Transformación Dixital a través da Secretaría de Estado de Dixitalización e Intelixencia Artificial, concedeu máis de 22.000 axudas do programa Kit Dixital a autónomos e pequenas empresas galegas. Esta iniciativa levada a cabo polo Goberno de España supón un investimento de máis de 94 millóns de euros dos fondos europeos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia para as pemes en Galicia.
Pedro Blanco confirmou que as catro convocatorias abertas ata o momento deste programa dispoñen de fondos polo que os autónomos, pemes e entidades susceptibles de acadar estes bonos poden seguir solicitándoos. Red.es sumará proximamente unha quinta convocatoria dirixida a medianas empresas.
Nos dous anos desde a súa creación, o Kit Dixital converteuse no programa de axudas á dixitalización máis demandado da historia de España chegando ao 80% dos municipios españois.
CONVOCATORIAS ABERTAS
Desde a súa presentación, Red.es lanzou catro convocatorias do programa Kit Dixital que seguen activas en paralelo, permitindo que todas aquelas empresas e autónomos con menos de 50 empregados e que cumpran cos requisitos poidan solicitar a axuda.
Para a súa concesión a empresa non ten que aportar ningunha documentación, só ten que autorizar a Red.es a consultar os requisitos e obrigacións requiridas. Se a solicitude é correcta, a axuda concédese en 15 días.
O prazo para solicitar a axuda en todas as convocatorias estará aberto ata o 31 de decembro de 2024.