‘Informe galego do traballo autónomo’
O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, ratificou esta tarde en Santiago de Compostela o apoio da Xunta ao emprendemento e o emprego autónomo para ser unha terra de oportunidades.
Conde e a conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, asistiron á presentación do Informe galego do traballo autónomo, promovido por APE Galicia coa colaboración da Xunta de Galicia e a Universidade de Santiago de Compostela para coñecer en profundidade o estado deste colectivo e a súa evolución nos últimos 15 anos.
Tal e como se recolle neste informe, a taxa de homes e mulleres autónomos está case equiparada, 3 de cada 10 son maiores de 55 anos, a maioría non conta con persoal asalariado, o 63% ten negocios de máis de cinco anos e a maioría pertencen ao sector servizos e, en particular, ao comercio.
O vicepresidente económico indicou que a Xunta está tratando de dar resposta ás necesidades deste colectivo a través da Oficina virtual do autónomo, dos Plans de rescate que levan mobilizado 416,6M€, e das medidas que se están adoptando para paliar o prezo eléctrico -como o Bono Enerxía Peme, ou os 137M€ en convocatorias para fomentar o autoconsumo e as renovables-. Conde lembrou tamén que o Consello deu hoxe luz verde á segunda edición dos bonos Activa Comercio, unha iniciativa para dinamizar e reactivar o sector comercial que permitirá mobilizar máis de 17 millóns de euros en compras.