Inés Rodríguez, Premio Nacional de Artesanía 2023 na categoría de produto

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco visitou a Inés Rodríguez.
En Allariz está o taller de Inés Rodríguez, RiR&CO Deseño Téxtil, que obtivo o Premio Nacional de Artesanía 2023 na categoría Produto pola súa manta ‘D-Leite’, feita a partir de residuos lácteos. 

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, visitou en Allariz o taller de Inés Rodríguez, RiR&CO Deseño Téxtil, que obtivo o Premio Nacional de Artesanía 2023 na categoría Produto pola súa manta ‘D-Leite’, feita a partir de residuos lácteos. O delegado aproveitou a visita para felicitar á premiada por este galardón e para coñecer máis detalles deste produto artesanal feito en Galicia.
 
Pedro Blanco puxo en valor o traballo realizado pola artesá “para impulsar o desenvolvemento e a competitividade dos produtos artesanais”, destacando “a súa capacidade de innovación nun sector tradicional con gran peso en Galicia”. Neste senso, agradeceu o seu compromiso e aposta “pola transmisión de coñecemento do noso acervo cultural e o aproveitamento de recursos naturais”.

 
En concreto, Pedro Blanco puido comprobar as especificacións da manta ‘D-Leite’ elaborada con fibra de proteína láctea que, ademais de ser hipoalerxénica e beneficiosa para a pel, o seu o seu cheiro pode producir efectos neurolóxicos beneficiosos no bebé por lembrar á lactación materna.
 
Como explicou o delegado, os Premios Nacionais de Artesanía, convocados polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo a través da Escola de Organización Industrial (EOI) teñen como obxectivo contribuír ao desenvolvemento e a competitividade das pemes do sector artesán, así como incentivar nelas a innovación, o deseño e a súa capacidade de adaptación ao mercado.
 
Na súa edición de 2023, Galicia logrou un especial protagonismo ao conseguir galardón en tres categorías distintas e unha cuarta mención finalista dentro do total de cinco categorías que compoñen o certame.  Así, o cesteiro Álvaro M. Leiro, de Pazos de Borbén, recibiu o Premio Nacional de Artesanía; o taller de tecido Inés Rodríguez impúxose na categoría de Produto, e o terceiro recoñecemento foi para a Xunta de Galicia, na categoría Promociona para Entidades Públicas, por 'Corazón da Artesanía', un encontro de artesanía galega celebrado nos Pendellos da Golada. Ademais, a cesteira Julia da Cal, do Porriño, quedou finalista na categoría Emprendemento.