Guía de boas prácticas no sector extractivo
O sector das industrias extractivas conta cunha Guía de boas prácticas para a integración paisaxística para acadar o equilibrio necesario entre a actividade mineira e a protección da paisaxe. A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, presentou esta mañá este documento que pretende ser unha ferramenta de consulta permanente para o sector extractivo e que presenta criterios e recomendacións para a integración na contorna na que se localizan este tipo de instalacións e para todas as súas fases.
A guía contén unhas medidas de carácter xeral, relativas a aspectos comúns a todo tipo de explotacións e de recursos, como poden ser os criterios para o acondicionamento do viario de servizo, a elección de especies vexetais ou o deseño das instalacións.
Así, detallou que os viarios e aparcadoiros de servizo deben dispoñerse en lugares nos que se minimicen os movementos de terras e que non incidan sobre cursos de auga ou vexetación de interese; proponse racionalizar o emprego da iluminación exterior para baixar consumo e evitar contaminación luminosa; as naves, depósitos ou cintas transportadoras instalaranse en lugares pouco visibles dende o exterior e as construcións adaptaranse á arquitectura da zona en canto a materiais e cores, incluso agrupalas e dispoñelas, xunto con plantacións para que oculten a zona das canteiras.
Explicou que outras recomendacións son empregar a minería de transferencia, é dicir, ir enchendo ocos a medida que se abren os novos; localizar os ocos de extracción en sitios pouco visibles desde a contorna, como en ladeiras pouco visibles, incluso atender á visibilidade dos mesmos dende os miradoiros, incluso suavizar as formas das entulleiras ou escombreiras para que semellen montes ou lombas naturais.
A conselleira destacou que a Guía tamén recolle unha recompilación de solucións xa empregadas en explotacións mineiras e extractivas, fundamentalmente a nivel autonómico, a modo de exemplos que teñan acadado mellores resultados no que se refire á integración paisaxística, ben sexa no conxunto do proceso, ben en algunhas das súas fases.
Vázquez Mejuto recordou que esta guía, que estará dispoñible de xeito gratuíto na web da Consellería, é a novena das dez que conforman parte da Colección da Paisaxe Galega e foi elaborada en base a un convenio entre as consellería de Medio Ambiente e Economía, a Universidade de Vigo e a Cámara Oficial da Minería de Galicia. Trátase dun valioso manual técnico nesta temática, que arroxa luz e propón criterios que fagan compatible o aproveitamento dos recursos mineiros coa protección dos valores paisaxísticos do medio e do territorio.
Por último, a conselleira destacou que esta guía pasa a enriquecer a Colección da Paisaxe Galega, un conxunto de publicacións que se enmarcan dentro da estratexia da política transversal que está a desenvolver a Xunta de Galicia para poñer en valor, protexer e recuperar a paisaxe galega.