Galicia quere posicionar a economía social no conxunto da economía de mercado e nos distintos sectores

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, presentou o novo marco ás entidades máis representativas desta fórmula.
A economía social representa máis do 7% do Produto Interior Bruto (PIB), un impacto anual en Galicia duns 850 millóns de euros.

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, presentou hoxe nas dependencias de Viña Costeira a 2ª Estratexia galega de economía social: Horizonte 2027 que,como dixo, buscará profesionalizar e diversificar as actividades desenvolvidas baixo estas fórmulas económicas e facelas aínda máis atractivas para mulleres e persoas mozas.

Nun acto que contou coa participación das entidades máis representativas deste modelo, a responsable autonómica incidiu en que Galicia quere posicionar a economía social no conxunto da economía de mercado e nos distintos sectores - tecnolóxico e dixital, verde, industrial e sustentable- grazas á súa transversalidade.

A nova estratexia aspira a xerar 4.000 empregos e crear 400 novas entidades ata 2027. A planificación parte dun orzamento próximo aos 170 millóns e incidirá en mellorar as competencias das persoas e entidades que desenvolven a súa actividade no cooperativismo e no resto dos modelos da economía social.

Entre as medidas concretas a desenvolver, porase en marcha dunha rede de aceleradoras, a través dos polos de emprendemento, que permita atraer ideas e investimentos á economía social galega e implantar programas para identificar oportunidades de negocio. Tamén avanzou a creación dun campus formativo para a capacitación de axentes intermedios e persoal de xestoría.

A Xunta quere dotar ás entidades de medidas que favorezan a comunicación das iniciativas e reforzar o peso desta fórmula no conxunto da economía galega. Neste sentido prantéxase a revisión de aspectos normativos que permitan maior emprendemento en economía social.

A Administración autonómica quere reducir o tempo de constitución das entidades a 37 días de media e do obxectivo de incrementar nun 25% as entidades creadas en sectores emerxentes.

Galicia contará nun horizonte a tres anos cunha economía social cun marcado acento feminino e atractivo para a mocidade, incidiu a conselleira.

A nova Estratexia de Economía Social apostará, por outra banda, no impulso da competitividade e o crecemento deste modelo. A Xunta seguirá a apostar por accións que apoien o relevo xeracional, polos encontros de entidades para testar produtos e servizos e polo uso das novas tecnoloxías e a innovación e investigación.

EN CIFRAS

O último informe da economía social de Galicia 2022, elaborado polo Centro de Estudos Cooperativos de Galicia (Cecoop) da Universidade de Santiago de Compostela (USC) co apoio da Xunta, reflicte que a creación de cooperativas segue batendo récords. En 2022 creáronse na Comunidade 142 cooperativas -a cifra máis elevada da serie histórica- con case 550 socias e socios promotores, cunha proporción do 50% de mulleres.

Naceron no mesmo período 24 sociedades laborais, con 58 persoas socias e 7 novos centros especiais de emprego.

A economía social representa máis do 7% do Produto Interior Bruto (PIB), un impacto anual en Galicia duns 850 millóns de euros.