Galicia e o Norte de Portugal avanzan no desenvolvemento da Estratexia de Especialización Intelixente Transfronteiriza
A I+D+i como motor para o crecemento económico, para a retención e atracción de talento á Eurorrexión e para facer fronte aos grandes retos sociais compartidos, como o envellecemento da poboación, son algunhas das cuestións que se analizaron no primeiro obradoiro da Estratexia de Especialización Intelixente Transfronteiriza Galicia-Norte de Portugal (RIS3T), celebrado a semana pasada nas instalacións do Centro Tecnolóxico do Mar (CETMAR), en Vigo.
O evento serviu para comezar a traballar de maneira conxunta no deseño da nova RIS3T, que dará continuidade ao traballo desenvolvido no anterior período (2014-2020). Neste sentido, a xornada deixou clara a necesidade de afondar na cooperación interrexional como ferramenta que permite unir esforzos para actuar ante os cambios sociais de Galicia e do norte de Portugal.
A actividade enmárcase nun proceso participativo con representantes do ecosistema de I+D+i -universidades, centros de coñecemento e tecnolóxicos, empresas e administracións públicas-, que busca enriquecer a nova RIS3T para adecuar a resposta á evolución dos retos da Eurorrexión.
O proceso de elaboración da nova RIS3T continuará ata finais de 2024, impulsado pola Xunta de Galicia, a través da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, e a Comissão de Coordenação e Desenvolvimento Regional do Norte (CCDR-NORTE) ao abeiro do proxecto GOBERNANZA_GNP_1_E, financiado polo Programa de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal (POCTEP) da Unión Europea.
A RIS3T
Raquel Meira, directora de servizos de desenvolvemento rexional do CCDR-R, destacou a longa colaboración do Norte de Portugal con Galicia e a aposta por promover unha Eurorrexión innovadora, que mereceu o recoñemento da Comisión Europea. Concretamente, no 2015 a RIS3T foi considerada como caso de boas prácticas polo executivo comunitario.
Meira apelou á importancia da colaboración interrexional para desenvolver estratexias conxuntas e loou o traballo da Axencia Galega de Innovación pola visión compartida nas áreas da RIS3.
A xornada tamén contou coa presenza virtual do experto Richard Tuffs, quen destacou que a especialización intelixente debería ser a pedra angular da política de cohesión. Tuffs afirmou estar convencido do enorme potencial que existe na colaboración interrexional, posto que se traduce en novas capacidades que diversifican a economía.
No peche da xornada, Sabela Pardo, directora da área de Programas da Axencia Galega de Innovación, anunciou a celebración dun novo obradoiro da RIS3T a comezos do mes de xullo en Portugal.