Galicia licita investimentos por valor de 188 M€ neste 1º semestre

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, coa delegada da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, mantivo unha reunión coa nova xunta directiva da Asociación de Construtores de Pontevedra.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, avanzou hoxe a licitación de investimentos por importe de 188 millóns de euros no primeiro semestre de 2022 e chamou a unir esforzos para demandar un marco estatal que garanta a viabilidade das obras públicas fronte á crise dos materiais.

Vázquez Mourelle, xunto coa delegada da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, mantivo hoxe unha reunión coa nova xunta directiva da Asociación de Construtores de Pontevedra, que preside Miguel Ángel Caruncho, así como co presidente da Confederación de Empresarios de Pontevedra, Jorge Cebreiros.

No encontro, a conselleira confirmoulles aos asistentes que a Xunta vai continuar apostando polos investimentos públicos como motor de recuperación da economía e do emprego, procurando un aproveitamento eficaz e eficiente dos fondos europeos de reconstrución.

Detallou que a Xunta vai licitar obras públicas relacionadas coa seguridade viaria e a mobilidade sostible, así como infraestruturas que facilitan o acceso ao transporte público. Tamén engadiu a intensificación no apoio aos concellos nas súas competencias de xestión da auga.

Ademais de promover novos investimentos en obras públicas, indicou que se adxudicarán actuacións importantes licitadas nos últimos meses, como a mellora da seguridade viaria na estrada PO-330, en Valadares e Pereiró, en Vigo, por 1,8 M€. Ademais, o Goberno galego avanzará na execución de obras en marcha como o novo hospital público Gran Montecelo, a conexión da VAC Tui-A Guarda coa A-55 ou a ampliación de IFEVI e a estación de autobuses da intermodal de Vigo, estas dúas últimas con remate previsto en marzo.

Na xuntanza tamén se abordou a preocupación compartida co sector co impacto da crise dos materiais na actividade da construción. A este respecto, Ethel Vázquez explicou o contido das medidas pioneiras da Xunta para garantir a viabilidade das obras públicas en execución fronte á suba desorbitada dos prezos da materias primas, pois aumentaron nos primeiros 6 meses de 2021 tanto como nos 13 anos anteriores e a escalada continúa.

Apuntou que o Goberno galego artellou medidas que poden blindar 170 obras impulsadas pola Administración autonómica e salvar 5.300 postos de traballo.

Non obstante, sinalou que este problema non é exclusivo de Galicia, senón que quedan concursos desertos e obras paralizadas no conxunto do Estado, neste caso impulsadas polo Goberno de España ou por outras administracións. Por isto reiterou a necesidade de medidas normativas a nivel estatal que garantan a viabilidade das obras públicas.

A conselleira apelou a sumar esforzos e traballar conxuntamente na defensa dos intereses comúns, que son a dinamización da economía e do emprego, o benestar e o progreso de Galicia e desta provincia.

Fixo fincapé na necesidade de facer unha fronte común na reivindicación de infraestruturas imprescindibles como a Saída Sur de Vigo, o AVE que conecte de xeito directo Vigo con Ourense e Madrid nun tempo aceptable ou a autovía Vigo-O Porriño, que non experimentou ningún avance na vía alternativa desde o ano 2018. “Son necesidades obxectivas que debemos afastar de calquera confrontación partidista e estéril”, subliñou.

Puxo en valor o papel dos empresarios da construción, como peza clave no desenvolvemento das infraestruturas públicas que xeran progreso e benestar en Galicia. A este respecto subliñou que este colectivo é o responsable de executar as novas autovías, as obras de mellora da seguridade viaria das estradas, as estacións intermodais, as vivendas de protección oficial e tamén, os centros de saúde ou os hospitais públicos que impulsa a Xunta.