Galicia Camiño Emprendedor
A secretaria xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Covadonga Toca, participou hoxe no percorrido da 8ª etapa do proxecto Galicia Camiño Emprendedor dirixido a impulsar o talento dos emprendedores galegos. O programa, que a Xunta de Galicia desenvolve en colaboración coa Fundación Ronsel, axuda ás persoas que queren iniciar un proxecto empresarial a través dun proceso de mentoring, todo elo tendo a realización de diferentes etapas do Camiño de Santiago como fío condutor.
Esta edición, bautizada co lema 12 etapas, 12 retos, conta coa participación dunhas 200 persoas entre emprendedores e mentores. A etapa do día de hoxe partía de Vilaba e chegou a Baamonde tras discorrer na xornada de onte entre as localidades de Abadín e Vilalba. En total, os asistentes recorreron 40 quilómetros do Camiño do Norte.
Todos os retos do programa deste ano están en consonancia con algún dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS), co propósito de difundilos e convidar os participantes a integrar polo menos un deles nos seus obxectivos empresariais. Así, o percorrido desta 8ª etapa realizouse baixo o lema Ecodeseño como punto de partida na definición de modelos de negocio sostible, escollendo dous retos ODS: cidades e comunidades sostibles e a produción e consumo responsables.
Toca sinalou a oportunidade para os participantes de mellorar as súas iniciativas empresariais e xerar novos contactos profesionais para avaliar o seu modelo de negocio e elaborar un novo plan de acción se fora preciso, sempre co apoio dun mentor ou mentora.
O proceso de mentoring é a clave deste programa que, como resalta Toca, supón unha fórmula multiplicadora do talento que cimenta unha Galicia máis capacitada e cohesionada. Ademais a iniciativa permite o “intercambio de experiencias profesionais e vitais que contribúen a facer do emprendemento unha forza impulsora en Galicia”.
A próxima etapa realizarase os días 15 e 16 de setembro pola Illa de Arousa, Vilanova de Arousa e Catoira, sendo parte do Camiño da Ruta do mar de Arousa e o río Ulla. Nesa ocasión o programa centrarase na figura feminina co lema A muller emprendedora como figura dun desenvolvemento económico máis xusto para Galicia.
Galicia Camiño Emprendedor pechará esta edición coa chegada a Santiago de Compostela en decembro, coincidindo coa capitalidade da economía social que ostenta a cidade galega este ano. A iniciativa desenvólvese desde 2017 e conxuga a cultura galega co propósito de dinamizar o emprego e talento en Galicia.
Os interesados en participar nas próximas etapas poden inscribirse a través da propia Fundación Ronsel, a páxina web da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade ou a Oficina do Autónomo de Galicia.