Finsa, innovación e proxectos de mellora de eficiencia enerxética
O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, visitou hoxe as instalacións de Finsa en San Cibrao das Viñas para coñecer as iniciativas de innovación e os proxectos de eficiencia enerxética que lle están permitindo ao grupo empresarial seguir mantendo o seu liderado na industria forestal.
“Estamos comprobando como nesta fábrica de Ourense se están impulsando novos proxectos para levar a cabo novos produtos e se están asumindo novos procesos de innovación e de desenvolvemento tecnolóxico que contribúen a situar a esta planta na vangarda da dixitalización e a sostibilidade”, afirmou Francisco Conde no seu percorrido polas instalacións.
En concreto, a empresa madereira está a facer unha gran aposta pola innovación para garantir a súa competitividade tanto en Galicia como no resto do mundo –o grupo ten presencia en 83 países–. Así, tal e como indicou o vicepresidente económico, na planta de San Cibrao das Viñas estase a desenvolver o proxecto Enxeño+, baseado na produción sostible de novos taboleiros a través de tecnoloxías 4.0 e co que se van mobilizar 10,5M€. Unha iniciativa á que o Goberno galego apoia con 2,6M€ a través do programa Fábrica Intelixente, posto en marcha pola Axencia Galega de Innovación (Gain).
“Creo que nese sentido hai que felicitar ao persoal da planta por ter esta iniciativa e sobre todo por ter esa ambición de manter a competitividade da planta e en todo o grupo”, manifestou Conde, ao mesmo tempo que destacou a referencia que supón Finsa para Galicia, xa que está a facturar máis de 900M€ –70 deles na planta ourensá– e xera máis de 3000 empregos directos –mantendo máis de 150 na fábrica de San Cibrao das Viñas–.
Así mesmo, o grupo Finsa tamén está a destinar 1,4M€ na mellora da súa eficiencia enerxética, un investimento ao que a Xunta de Galicia apoia cunha achega de preto do 30% a través da liña de axudas destinada a impulsar este tipo de propostas na industria galega e que conta cun orzamento inicial de 16M€.
En concreto, na planta de San Cibrao, Finsa levou a cabo a instalación dun circuíto para o aproveitamento do excedente de calor da auga de refrixeración da parrilla da caldeira. Ademais, puxo en marcha medidas de eficiencia enerxética nas factorías que ten instaladas en Padrón e Rábade, polo que, en total, conseguirá un aforro medio do 40% na factura da luz.
A través destas axudas, o Goberno galego facilitou a execución de 36 proxectos de eficiencia enerxética en pemes e grandes empresas da industria galega que mobilizan máis de 45M€, co que se espera un aforro anual de máis de 20M€ na factura eléctrica do sector industrial.