Diversas liñas de axuda para as explotacións agropecuarias
O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, presidiu hoxe en Agolada unha xornada informativa sobre diversas liñas de axuda da Consellería do Medio Rural para as explotacións agropecuarias. Así, referiuse ás achegas de relevancia para dito sector, como son as destinadas a plans de mellora nas explotacións agrarias, á creación de empresas por parte de agricultores mozos e ao desenvolvemento de pequenas explotacións, que contaron cun orzamento global de 37,5 millóns de euros este ano.
Así mesmo, tamén se analizou o importante papel que teñen as subvencións da Política Agraria Común (PAC) para contribuír ao futuro do agro galego. Neste senso, Balseiros sinalou que a Xunta volveu convocar este ano as axudas que permitiron adiantar no verán aos agricultores e gandeiros galegos uns 200 millóns de euros das achegas da PAC. Ademais, o Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga) xa inxectou preto de 27 millóns de euros correspondentes ás liñas de vacún de leite e 115 millóns de euros correspondentes ás axudas directas, onde van incluídas as de vacún de carne, pago básico, pago verde, mozos e pequenos agricultores. Por último, nos vindeiros días, tamén se aboará o anticipo das achegas de desenvolvemento rural correspondente a zonas con limitacións naturais, por importe de 20 millóns de euros. Estes pagos beneficiarán, en conxunto, máis de 25.000 agricultores e gandeiros da nosa comunidade.