Dez programas, cun total de preto de 67 M€, impulsarán a transformación dixital e o modelo da industria 4.0 no tecido empresarial galego
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe, na rolda de prensa do Consello, que a Xunta activará nas próximas semanas dez programas que, cun total de preto de 67 millóns de euros, impulsarán a transformación dixital e o modelo da industria 4.0 no tecido empresarial galego. “Son tanto para empresas como para centros tecnolóxicos de Galicia”, afirmou, subliñando que estas convocatorias de axudas xa se empezaron a publicar e completaranse de xeito inmediato nas próximas semanas.
Entre os programas que se poñen en marcha por primeira vez, Feijóo destacou o proxecto Maquinaria 4.0 que, cunha dotación de 2 millóns de euros, buscará xerar provedores fortes no eido da fabricación de maquinaria e outros bens de equipo que poidan servir ao tecido empresarial galego; e os apoios para o desenvolvemento de centros de fabricación avanzada, que contarán cunha dotación de 16 millóns de euros ata 2022, co obxectivo de xerar, entre outras infraestruturas, centros de ensamblaxe, loxística e recursos tecnolóxicos, espazos maker de fabricación compartida ou o acondicionamento especializado de solo industrial.
Así mesmo, e de xeito paralelo, o presidente da Xunta aseverou que a Xunta continuará co desenvolvemento de dous hubs de innovación dixital, que funcionarán como un catálogo de servizos no que conflúen todos os recursos relacionados coas tecnoloxías asociadas á transformación dixital que se ofertan ao tecido empresarial. Para iso, destinaranse 7 millóns de euros neste 2020, co fin de apoiar as iniciativas: Fábricas do futuro, liderada polo Clúster de Empresas de Automoción de Galicia e centrada na Internet das cousas e a intelixencia artificial; e Datalife, liderada polo Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida e que pon o foco no manexo de grandes cantidades de información (big data).
Por outra banda, e entre os programas xa existentes, Feijóo destacou a posta en marcha da cuarta convocatoria dos Proxectos Industria 4.0, cun orzamento de máis de 4 millóns de euros, para impulsar iniciativas que permitan seguir avanzando no desenvolvemento da fábrica intelixente e conectada en sectores estratéxicos da economía.
E, co obxectivo de que as empresas conten co asesoramento axeitado á hora de desenvolver os seus proxectos de mellora, poñerase en marcha tamén unha nova edición do programa ReAcciona. Unha iniciativa que, dotada con 3,4 millóns de euros, ofrecerá servizos centrados en eidos como o desenvolvemento estratéxico, a profesionalización, a innovación e a adopción de solucións de dixitalización.
No que atinxe ao mantemento e creación de emprego, Feijóo aseverou que as pemes galegas que desenvolvan proxectos de investimento neste eido contarán cun programa de apoios do Igape dotado con 9 millóns de euros e cuxa axuda poderá chegar ata o 30% dos investimentos subvencionables.
Outras das iniciativas que se activarán nas próximas semanas será unha nova edición do programa Innova Peme, a través do cal se levan a cabo actividades integradas en plans de innovación a desenvolver polas pequenas e medianas empresas, cun investimento neste caso de 2,7 millóns de euros, con axudas de entre 40.000 e 100.000 euros.
Para impulsar a innovación empresarial, o titular da Xunta aseverou que se porán en marcha dúas novas convocatorias: para consolidar as Unidades Mixtas de Investigación xa existentes –2 millóns de euros-; e, para impulsar a creación de novos proxectos deste tipo -3 millóns de euros-. Ademais da activación dunha nova edición das axudas para equipamentos de centros tecnolóxicos e de apoio ao coñecemento, dotada con 5 millóns de euros.
Por último, a industria forestal contará un ano máis con programas específicos, por valor de 12,4 millóns de euros. Así, poñerase en marcha unha orde de axudas dotada con 10,4 millóns de euros, para realizar investimentos en tecnoloxías forestais, procesado, mobilización e comercialización de produtos forestais; e activarase un programa por 2 millóns de euros, destinado ás empresas da segunda transformación da madeira e o sector contract.
“En definitiva, impulsamos desde o comezo do ano unha Galicia máis innovadora e unha Galicia que terá máis emprego; e un Galicia máis innovadora e con máis emprego é unha Galicia que terá máis emprego de calidade. E como veñen curvas no ámbito económico, queremos desde o primeiro instante poñer os recursos dos Orzamentos de 2020 a disposición do tecido económico e empresarial de Galicia”, resumiu Feijóo.