Rueda destaca o papel das empresas galegas na consolidación da marca Galicia
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe o papel das empresas galegas á hora de consolidar a marca Galicia coma unha imaxe amable e apetecible, que se ve desde fóra con simpatía.
Durante a clausura do I Foro de Comunicación Estratéxica, organizado por DIRCOM Galicia en Vigo, Rueda salientou que a comunicación ten que ser un gran activo para as empresas e institucións e que é clave tanto para configurar a imaxe e reputación das mesmas cara fóra como para garantir a súa cohesión interna.
Nesta liña, o presidente fixo fincapé en que na comunicación, “a picardía, a espontaneidade, a experiencia, o saber reaccionar, os reflexos e a bagaxe van a pertencer sempre ás persoas, por moito que desenvolvamos máquinas ou procedementos que axuden a mellorala”.
Alfonso Rueda tamén destacou a importancia da reputación no mundo laboral e remarcou a importancia de ter bos equipos de comunicación que axuden na xestión da mesma.