CITIC Censa busca persoal cualificado para incorporar
O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, acompañado pola concelleira de Emprego e Formación, Rosario Costas, visitou esta mañá as instalacións de CITIC-Censa para coñecer de primeira man a actividade da factoría e establecer posibles vías de colaboración entre a empresa e o Concello.
Durante a visita, os representantes municipais estiveron acompañados polo Director Xeral da firma, Juan J. Agulla, a Directora Financieira e Vice Directora Xeral, Ana Alonso, e a Directora de Recursos Humanos, Brenda Senra, quenes transmitiron a súa perspectiva económica de crecemento e a necesidade de persoal especializado.
“Temos plena carga de traballo e o noso principal problema é a falta de persoal cualificado para incorporar”, explicou Juan J. Agulla, “A formación é o noso cabalo de batalla e a colaboración co concello sería beneficiosa para ambas partes”.
Neste sentido, o rexedor apuntou que precisamente establecer vías de colaboración en materia de formación e emprego é o fin da rolda de visitas ás empresas do Porriño que hoxe iniciaron en CITIC Censa.
“O noso obxectivo é detectar as necesidades de recursos humanos e a formación específica que requiren as empresas para poder deseñar acción formativas acordes ás demandas do noso tecido empresarial”, explicou Lorenzo, “Así poderemos ofrecer aos demandantes da bolsa de emprego posibilidades reais de inserción laboral”.
“Pretendemos impulsar a nosa bolsa de emprego e volver a ser un referente para as persoas do Porriño que se atopan en situación de desemprego”, apuntou a edil, “Para iso é imprescindible a coordinación do servicio municipal coas empresas dos nosos polígonos industriais”.
CITIC-CENSA
Con máis de 50 anos de historia CITIC Censa é unha empresa de calderería pesada que desenvolve a súa actividade en mercados como minería, cemento, enerxías renovables, petróleo, gas e petroquímica.
É un referente mundial na fabricación de equipos de calderería pesada para o sector mineiro e cementeiro que exporta o 100% dos seus productos. Na actualidade conta con 200 empregados e un volumen de facturación de 30 M de euros.