'Camiño da Innovación'

Un tráiler percorrerá as catro provincias galegas facendo 18 paradas ao longo dos meses de novembro e decembro.

A Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), pon en marcha a iniciativa Camiño da Innovación, un espazo itinerante que percorrerá 18 concellos das catro provincias galegas durante os meses de novembro e decembro -en horario continuo de 9 a 18 horas-, co obxectivo de prestar asesoramento ás pemes e difundir entre elas a necesidade e a oportunidade de innovar, como factor clave para gañar competitividade e medrar.

Esta actuación, que se desenvolverá a bordo dun tráiler, contará con 18 etapas, a primeira delas o vindeiro venres 5 de novembro en Vilalba. Camiño da Innovación inscríbese no Programa de Impulso á Innovación nas Pemes posto en marcha pola Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, unha actuación específica dotada con 12M€ para axudar ás pemes e microempresas galegas a investir en innovación, con foco nas empresas con potencial para innovar pero que aínda non o fixeron, principalmente as situadas en núcleos non urbanos.

Cada etapa constitúe un punto de encontro onde se presentarán tres casos de pemes innovadoras da contorna, un total de 54 casos de éxito que están a competir en mercados internacionais e que son exemplo de que a innovación se pode pór en marcha en calquera sector e empresa. A participación no encontro require inscrición previa a través da web de Gain.

Ademais, realizaranse máis de 200 asesoramentos a pemes onde se analizarán as oportunidades de innovación e como poñela en marcha coas ferramentas que lle funcionan a outras empresas. Para conseguilo, contarase con expertos capaces de ofrecer unha visión obxectiva sobre as capacidades de innovación de cada peme.

Con estes asesoramentos, axudaraselle a cada empresa a elaborar unha folla de ruta que lle permita poñer en marcha plans de acción que se materialicen en resultados tanxibles. As empresas interesadas en solicitar asesoramento poden facelo a través da web da Axencia, no apartado Camiño da Innovación.

Poranse a disposición do público tamén materiais explicando as ferramentas e técnicas de innovación, que se irán incrementando con novos contidos durante 2022, e un curso en liña sobre aspectos básicos da innovación.

Calendario:

05/11/2021 Vilalba
08/11/2021 Cervo
09/11/2021 As Pontes de García Rodríguez
10/11/2021 Bergondo
11/11/2021 Ordes
15/11/2021 Caldas de Reis
16/11/2021 Santa Comba
17/11/2021 A Estrada
18/11/2021 Ponte Caldelas
22/11/2021 Salvaterra de Miño
23/11/2021 Ribadavia
24/11/2021 San Cibrao das Viñas
25/11/2021 Xinzo da Limia
29/11/2021 A Veiga
30/11/2021 Monforte
01/12/2021 Chantada
02/12/2021 Melide
09/12/2021 Meira

Máis información e inscrición