Cabomar Congelados inviste en melloras tecnolóxico-sanitarias de novos procesos-produtos, medioambientais e de sistemas de xestión
A Xunta de Galicia, a través da Consellería do Mar, está a apoiar o novo proxecto de melloras tecnolóxicas, sanitarias, produtivas e ambientais da empresa Cabomar Congelados, emprazada no Porto de Marín, cunha achega de 755.000 euros ao abeiro do Programa Operativo do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) 2014-2020.
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, acompañado pola alcaldesa de Marín, María Ramallo, e o presidente da Autoridade Portuaria Ría de Marín e Pontevedra, José Benito Suárez, visitou esta mañá as instalacións desta empresa para supervisar esta nova acción de modernización, que suporá un investimento de máis de 1,5 millóns de euros.
Durante o percorrido, no que estiveron acompañados por José Luis Freire, que tamén é presidente de Conxemar, e por responsables directivos da empresa, coñeceron o proxecto de Melloras tecnolóxico-sanitarias de novos procesos-produtos, medioambientais e de sistemas de xestión cara a industria 4.0.
Dita iniciativa permitirá renovar ou incorporar novas mecánicas de funcionamento co obxectivo de acadar unha maior eficiencia e rendibilidade. Así, a empresa estase a dotar de precintadoras de caixas, serras automáticas, separadores, transportadoras, aparellos de etiquetaxe, plataformas de envasado, cadros de aprovisionamento ou softwares, todos eles de última xeración.
“Cabomar Congelados sempre destacou pola súa forza e emprendemento e pola súa aposta pola calidade e pola innovación, o que lle permite ser unha das grandes referencias do sector en toda España e Europa. Para iso conta co apoio da Xunta de Galicia, principalmente a través da Consellería do Mar, que lle outorgou máis de 8 millóns de euros nos últimos 14 anos para o desenvolvemento dunha decena de programas de mellora que axudan a que hoxe sexa a gran empresa que é e tamén a que sexa un dos grandes orgullos empresariais da ría de Pontevedra e de toda Galicia”, detallou o representante autonómico.
Cabomar Congelados, que neste tempo desenvolveu iniciativas de ampliación, modernización, melloras tecnolóxicas ou envasado co apoio destas achegas da Xunta, achégase aos vinte anos de traxectoria e centra a súa actividade na elaboración e procesado de produtos do mar, tanto refrixerados como conxelados. Conta con 87 referencias que se distribúen a través das marcas Mar Natura, Mar Natura Fresh e Mar Natura Vida e cun importante peso no ámbito laboral, xa que supera os 200 traballadores.