Axudas da Xunta para promover o aforro e a eficiencia enerxética nas empresas galegas
A Xunta de Galicia mantén aberto, ata o 15 de setembro, o prazo para a presentación de solicitudes á convocatoria de axudas para promover o aforro e a eficiencia enerxética nas empresas galegas. Esta iniciativa da Consellería de Economía, Industria e Innovación está dotada con 7,5 millóns de euros, financiados a través dos fondos comunitarios do programa Feder Galicia.
Poden ser beneficiaras empresas e autónomos con domicilio social ou algún centro de traballo en Galicia, así como empresas de servizos enerxéticos. A contía das axudas é do 35 % do custo elixible para grandes empresas, o 45 % para as medianas e o 55 % para as pequenas cun máximo de 1 M€ por proxecto.
As axudas pretenden fomentar os investimentos en aforro e eficiencia enerxética nas compañías galegas, reducir os custos enerxéticos nas facturas, aumentar a eficiencia e dinamizar a economía. Con respecto ás anteriores convocatorias, introducíronse novidades, como a valoración do aforro enerxético tanto en termos de enerxía final como primaria; a estruturación das axudas segundo o tamaño de empresas e coa inclusión de infraestrutura pública fronte á división anterior por sectores de actividade; así como a incorporación dunha liña para aquelas compañías que reduzan, como mínimo, un 30 % os gases de efecto invernadoiro.
Nestes momentos xa se recibiron unha vintena de solicitudes, a maioría para realizar proxectos en pequenas e medianas empresas. De adxudicarse todo o orzamento desta convocatoria, poderíase conseguir unha mobilización de 30 M€, aforros económicos de 5 millóns ao ano e unha redución de emisións equivalente á plantación de 950.000 euros.