O Goberno galego aprobou en 2018 a Estratexia Retorna, dotada con 280 millóns de euros e cunha batería de máis de medio centenar de medidas

Axudas ao retorno emprendedor

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, acompañado do secretario xeral para a Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, participa no encontro Retorno Emprendedor: Programa Merlo. Cidade da Cultura - Edificio CINC (Santiago de Compostela). 26/10/2021

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe que as axudas ao retorno emprendedor, que contan cada vez con máis demanda, impulsaron desde a súa posta en marcha máis de 500 proxectos, cunha mobilización de 25 millóns de euros.

Durante o encontro Retorno Emprendedor: Programa Merlo, Feijóo precisou que as axudas oscilan entre os 5.000 e os 8.000 euros, segundo o proxecto emprendedor. “E todas elas están a servir para apoiar a retornados dos cinco continentes e de 40 países; a emprendedores cuxa media de idade é de 41 anos; e a retornados que están a emprender en sectores como a hostalería e o comercio, pero tamén en eidos relacionados coa industria 4.0, o naval, o téxtil, as telecomunicación ou os servizos”, dixo, a modo de resumo.

Nesta mesma liña, resaltou o apoio que para os retornados supón o programa de mentores Merlo que, en colaboración coa Fundación Ronsel, axuda a orientar aos retornados no seu proxecto. “Cómpre salientar que dous de cada cinco inscritos contan cun máster no seu currículo, o que amosa a súa excelencia”, gabou.

Ao longo da súa intervención, o presidente da Xunta lembrou que o Goberno galego aprobou en 2018 a Estratexia Retorna, dotada con 280 millóns de euros e cunha batería de máis de medio centenar de medidas. Ademais de destinar nos últimos dous anos 10 millóns de euros en apoios aos galegos retornados a través de: axudas ao autoemprego; axudas extraordinarias de carácter social e de apoio pola pandemia; e nas bolsas excelencia académica BEME, que teñen beneficiado xa a 700 retornados para cursar un máster nalgunha das tres universidades galegas.