A empresa familiar en Galicia supón un volume de emprego asociado de 55.000 persoas e unha facturación equivalente ao 17% do PIB galego
O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, acompañado polo conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, e a conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, interveu esta mañá na clausura da XXIII Asemblea Xeral da Asociación Galega da Empresa Familiar que se celebrou en Santiago de Compostela.
Na súa intervención, Conde felicitou ao novo presidente da asociación, José Silveira Martín -do Grupo Nosa Terra XXI-, polo novo cargo e agradeceu o seu labor ao seu antecesor, Víctor Nogueira -do Grupo Nogar-, poñendo en valor o peso da empresa familiar en Galicia, que supón un volume de emprego asociado de 55.000 persoas e unha facturación de 11.000M€, o equivalente ao 17% do PIB galego.
O vicepresidente económico referiuse aos retos que implica o cambio de ciclo ao que España se vai enfrontar nos vindeiros meses e a importancia de poder aproveitar as oportunidades dos fondos europeos, para os que pediu axilidade, transparencia e equidade na xestión. Tamén incidiu na necesidade de contar cun prezo enerxético competitivo para a industria e unhas infraestruturas eléctricas adecuadas á demanda dos proxectos que se queren desenvolver e implantar na Comunidade.
Conde trasladou o compromiso da Xunta co tecido empresarial para afrontar os retos da dixitalización e a eficiencia enerxética e informou dos apoios que, nestes momentos, están abertos para este sector. Así, tal e como explicou, a partir de mañá abre o prazo de solicitude de axudas do fondo tecnolóxico. Un total de 3,8M€ para financiar proxectos que introduzan as novas tecnoloxías, a innovación e a sustentabilidade no sector. Haberá dúas liñas: unha para persoas autónomas e pemes comerciais, que ofrece ata 180.000 euros por proxecto, e outra para asociacións de comerciantes, con axudas de ata 72.000 euros.