Abertas as inscricións para o #OlympeEmprende, un programa formativo para mulleres emprendedoras

O Programa #OlympeEmprende liderado por Tandem Social, Abeluria e Wazo Coop é unha iniciativa que apoiará o emprendemento feminino con valores e principios de economía social e solidaria en Galicia a través de formación con perspectiva de xénero, apoio individual e colectivo e conexión de experiencias emprendedoras a nivel local.

O Programa #OlympeEmprende seleccionará iniciativas de Galicia, unha rexión con gran potencial na economía social e no emprendemento feminino. #OlympeEmprende está dirixido a todas aquelas iniciativas emprendedoras en Galicia lideradas por mulleres asentadas no territorio, que practican a intercooperación, garanten a democracia interna, incorporen a economía e o coidado feminista nas súas prácticas, promoven a diversidade na composición e participación e teñen en conta impacto ambiental da súa actividade. En definitiva, proxectos que poñan ás persoas no centro da súa actividade.

#OlympeEmprende, que ofrecerá formación, apoio individual e colectivo, seminarios web, tours de emprendemento, sesións de intercooperación e a posibilidade de optar a un premio económico ás mellores iniciativas que permita o apoio á constitución de cooperativas no territorio dirixidas por mulleres. O programa desenvolverase desde febreiro ata principios de xullo (2022) e valorará que as iniciativas teñan entre os seus obxectivos a consecución dun impacto social (como mellorar o benestar humano e a equidade social).

Pódense presentar iniciativas que se atopan nunha fase inicial (ideas de negocio que non se iniciaron e que se atopan nunha fase de desenvolvemento mínimo, sen necesidade de definir un modelo de negocio). As inscricións están abertas ata o 16 de xaneiro.

FORMACIÓN E ACOMPAÑAMENTO

Tandem Social, Abeluria e Wazo Coop levarán a cabo o programa e formarán de xeito virtual aqueles proxectos seleccionados, explicando o concepto de empresa de economía social e solidaria, modelos de negocio, mercadotecnia e comercialización ou fontes alternativas de financiamento. E á súa vez, realizarán acompañamento virtual individual e colectivo dos proxectos para axudar ás necesidades específicas de cada proxecto emprendedor.

O programa #OlympeEmprende pretende honrar a memoria de Olympe de Gouges, unha revolucionaria esquecida. Defendeu a igualdade entre homes e mulleres en todos os aspectos da vida pública e privada e en 1791 escribiu a Declaración dos dereitos da muller e da cidadá. O #OlympeEmprende quere ser un compromiso coa igualdade promovendo a creación dun programa que apoie a creación de novas cooperativas lideradas por mulleres que promovan a transformación.

#OlympeEmprende forma parte da convocatoria #POISES, promovida polo CEPES como órgano intermedio do Programa Operativo de Emprego, Formación e Educación (POEFE) do Fondo Social Europeo (FSE). Todas as accións son gratuítas e cofinanciadas polo FSE para acadar unha formación e emprego de calidade.

Condicións de participación

Formulario de inscrición

Vías de contacto olympeemprende@tandemsocial.coop e por teléfono 661 54 90 06