A industria forestal busca novas oportunidades para reactivar o sector

Bosque en los Ancares, Galicia.

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou hoxe nun webinario con representantes da industria forestal, no que se presentaron os resultados dunha enquisa a axentes do sector para coñecer e avaliar a súa situación actual marcada polo covid-19.

Deste xeito, máis de 100 empresas procedentes de todas as fases da cadea monte-industria participaron no cuestionario –no que a Xunta contou coa colaboración da Universidade de Vigo– para dar a coñecer as consecuencias da covid-19 tanto na súa produción e facturación como nas medidas que tomaron neste período, os problemas e ameazas que detectaron ou as expectativas de cara ao futuro.

A iniciativa forma parte da vontade da Xunta de manter un diálogo permanente co sector para trazar unha estratexia común que permita definir solucións conxuntas para a reactivación do tecido forestal en Galicia. O cuestionario, asegurou o conselleiro, facilitará coñecer as características e a situación de cada empresa que integra este tecido e actuar en consecuencia.

O titular de Economía, Emprego e Industria chamou a buscar novos oportunidades para o sector apoiándose na súa natureza transversal, que mantén unha correlación activa con outros sectores produtivos, incluíndo a fabricación de produtos sanitarios ou a reorganización de espazos laborais e comerciais a través da potenciación do sector contract. Conde sinalou, así mesmo, a vontade conxunta de apostar por unha Galicia Verde, que combine o impulso da actividade económica coa protección do medio ambiente.

O conselleiro tamén subliñou a necesidade de estimular a demanda identificando novos mercados e novos produtos, especialmente no contexto actual. Neste senso, destacou medidas específicas de apoio ao sector postas en marcha pola Xunta, incluíndo unha nova orde de axudas por 500.000 euros para a celebración de cursos de formación específicos con asociacións, fundacións e colexios profesionais do sector forestal, que prevé celebrar 130 accións formativas e chegar a 2000 profesionais.Imaxes relacionadas